Joseph Saelee, campión do mundo de Tetris con só 16 anos

Joseph Saelee, campión do mundo de Tetris con só 16 anos

Hai xogos polos que non parece pasar o tempo. Conxelados no subconsciente. Unha partida leva a outra e así toda unha tarde se un se despista. O Tetris leva dende 1984 sendo o videoxogo de quebracabezas máis famoso do mundo, e hoxe ese mundo ten un novo campión para o xogo deseñado por Alekséi Pázhitnov.

Dende hai oito anos, o título ten o seu propio torneo mundial co nome Classic Tetris World Championship. Nel xógase a unha versión especial baseada na entrega de NES, a lenda dos oito bits de Nintendo. Na práctica, é simplemente unha versión executada nun ordenador que emprega unha fórmula para xerar secuencias de pezas iguais para dous xogadores ao mesmo tempo. É dicir, evita que a sorte entre en escena e deixa todo en mans dos participantes.

No torneo deste ano, Jonas Neubauer, sete veces campión, partía como favorito, pero a través dunha partida que quedará na memoria dos deportes electrónicos Joseph Saelee, con tan só 16 anos, arrebatoulle o título cunha épica remontada. A continuación podedes ver a retransmisión oficial da recta final do torneo:

Até esta edición, Neubauer reinou con autoridade nas finais nas que participou, demostrando ser un auténtico monstro do xogo soviético. O estadounidense non puido con Saelee, que agora é o campión do mundo de Tetris e, por suposto, o competidor máis novo da historia en facerse co título.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados