Actualidade Kitase explica como funcionan as invocacións no novo Final Fantasy VII

Kitase explica como funcionan as invocacións no novo Final Fantasy VII

Aos poucos, os responsábeis da futura revisión do Final Fantasy VII van detallando as súas diversas mecánicas, renovando e buscando adaptar o pasado á xogabilidade do presente. Até o de agora, puidemos ver a Cloud e compañía repartir labazadas, tamén coñecer diferentes aspectos de como poderemos facelo desde o mando. A través da súa conta oficial en Twitter, o produtor do título, Yoshinori Kitase, quixo comentar e ampliar a información sobre as novas invocacións.

Segundo as súas palabras, as invocacións non estarán sempre dispoñíbeis, é dicir, non poderemos utilizalas en todos e cada un dos combates. «O xogador equípase a materia de invocación, que se activa cando loitas contra xefes ou contra certos inimigos poderosos; cando se cumpren algunhas condicións. A continuación, podes elixir o comando ‘materia’ mentres brilla», explica Kitase. Unha vez realizada a acción, a invocación aparecerá no campo de batalla e loitará xunto co resto de personaxes durante un tempo limitado. Isto podería lembrar ás invocacións de Final Fantasy XII.

No vídeo publicado na conta oficial do xogo pódese ver a Ifrit loitando xunto a Cloud, Tifa e Aeris. A excepción do ataque final, que o xogador pode activar cando a barra de ATB está rechea, o ser de lume loita pola súa conta, servíndose dunha IA autónoma.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *