Actualidade Kojima avisa: o 29 de maio virán novas de Death Stranding

Kojima avisa: o 29 de maio virán novas de Death Stranding

Hideo Kojima continúa facendo das súas. Hai apenas unhas horas, colgaba na súa rede de Twitter un misterioso teaser e mensaxe sobre Death Stranding, o enigmático proxecto que segue puíndo e que verá a luz en exclusiva para PlayStation 4. As súas propias palabras emprázannos a estar atentos ás redes o próximo 29 de maio, día no que moi probablemente apareza un novo adianto audiovisual desta futura obra.

«A conta atrás de Death Stranding comezou… O 29 de maio», pódese ler na conta oficial de Kojima Productions na rede social do paxaro azul. No texto volve usar o lema «Create the Rope» que quizais faga mención á experiencia multixogador de Death Stranding, faceta da que se coñece a súa existencia pero da que se descoñecen máis detalles.

Virá o novo adianto con data de lanzamento? Sería todo un acontecemento, aínda que sería estraño que un anuncio tan importante quedase relegado a un simple movemento de márketing dixital. Agora ben, con Kojima nunca se sabe.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *