Kojima entra de cheo na polémica do crunch cun chío sobre Death Stranding
Arriscado chío o que Hideo Kojima publicou no seu perfil oficial de Twitter hai unhas horas. A polémica ao redor de todos os casos de crunch destapados no último ano é un dos asuntos máis escabrosos dentro da industria do videoxogo, unha industria que quere medrar e madurar ao mesmo tempo, pero que se enfronta a xornadas laborais abusivas, soldos precarios e a inexistencia real dun amparo sindical.
Nun dos seus últimos comentarios —Kojima é moi activo en redes sociais— o creativo xaponés explica que o seu estudio «continúa en fase de crunch», para logo finalizar a mensaxe cun emoticono do arco da vella.
DEATH STRANDING has the element of something never existed before, the gameplay, the world atmosphere, the visuals which we aimed to create. The studio I established was tiny indies but trying our best to deliver the product launching on Nov 8th. Still in crunch time of dev? pic.twitter.com/sNvTAc7wwB
— HIDEO_KOJIMA (@HIDEO_KOJIMA_EN) August 1, 2019
Que Death Stranding é un dos videoxogos máis agardados do ano é algo sabido por calquera, igual que o é percibir que a comunidade de xogadores non está para bromas, ou peor, realidades deste tipo. Non hai moito, Kojima Productions foi denunciada de xeito público polas duras condicións de traballo ás que somete aos seus traballadores.
As réplicas non tardaron en aparecer, esixindo explicacións sobre o comentario e pedindo, nalgúns casos, que non falle aos seus traballadores. Hai de todo tipo en verdade. Usuarios que piden que non atrase a súa nova obra, ou xente que pide o contrario, para así salvagardar a integridade laboral dos seus creadores.
Cómpre lembrar que Metal Gea Solid V: The Phantom Pain notou as consecuencias do crunch, o que derivou nunha serie de problemas previos á estrea do título e diversas críticas desde o público tras o lanzamento.