Konami e Bloober Team selan unha alianza para a creación de novos títulos
Konami fixo público un comunicado no que confirma a formación dunha alianza co estudio polaco Bloober Team, responsables de Layers of Fear 2 e o estreado hai uns meses The Medium. Cal é o obxectivo desta colaboración? A creación de novas obras de alta calidade que teñan como base as características de ambas as dúas compañías.
A marca xaponesa tamén indicou que está «encantada» de poder traballar co grupo polaco na creación de novas IPs, amais de posibles secuelas de títulos xa existentes. Á súa vez, engadiu que esta alianza que acaban de asinar servirá para potenciar o desenvolvemento de xogos e impulsar unha das súas áreas en continua evolución.
Bloober Team conta cunha longa traxectoria no desenvolvemento de videoxogos de terror e suspense psicolóxico, o que podería desatar certas teorías sobre se este será o estudio escollido para desenvolver un novo e hipotético Silent Hill, continuación coa que moitos levan anos soñando. A saber.




