Análises Koral :: Unha viaxe polo descoñecido para espertar conciencias

Koral :: Unha viaxe polo descoñecido para espertar conciencias

O ser humano é unha especie capaz do peor e do mellor, unha dualidade que nos define como individuos. En moitas ocasións poñemos o noso ego, o noso benestar, a nosa satisfacción por riba da do veciño e da nosa contorna. Vivimos nun sistema económico e social que diminúe a nosa capacidade de empatizar e durme as nosas conciencias. Posuímos unha moral que nos fai apartar a vista cando nos poñen diante as consecuencias das nosas accións, ou que nos leva a buscar unha xustificación que nos sirva para limpar a nosa conciencia. Iso e o que subxace en Koralo egocentrismo que nos está conducindo, paseniño, a matar ao noso hábitat e o de quen nos rodea, daqueles que non poden defender do que lles estamos a facer.

Os problemas derivados da contaminación, da sobrepesca ou do cambio climático non son culpa exclusiva de cada un de nos, xa que son os gobernos os que, en primeira instancia, teñen que adoptar medidas para solucionalo, pero non podemos seguir negando a nosa responsabilidade individual porque, de formas imperceptibles (e non tanto) o que facemos na nosa vida diaria repercute no noso planeta. As advertencias que nos está a mandar a Terra están aí e levamos moito tempo ignorándoas, por iso son necesarios os xogos como Koral. Xogos que teñan unha mensaxe, xogos que eduquen e queiran espertar conciencias.

Simpleza para transmitir unha mensaxe concienciadora

Koral é unha viaxe polo fondo mariño.

A xogabilidade que achega Koral é moi sinxela: empregando só o joystick, deberemos enfrontarnos a unha serie de crebacabezas que se van repetindo ao longo do xogo, ampliando un pouco a mecánica base, pero sen aportar grandes novidades ao conxunto. A medida que imos avanzando vanse sumando novas formas de mobilidade e estruturas que podemos desprazar para pasar por cada un dos 15 biomas que compoñen os niveis do xogo. Isto supón que non existen grandes variacións xogables ao longo do título, senón que se dedica a facer que xoguemos co entorno, co aprendido nas primeiras fases, aumentando un pouco a complexidade dos crebacabezas, pero sen que en ningún momento rompa a experiencia de xogo ou nos resulte frustrante.

Que un xogo posúa mecánicas simples e repetitivas pode soar como algo negativo, pero este non é o caso de Koral. A fluidez do movemento, o control, a ambientación e a duración do título van na procura da túa inmersión, polo que o reto dilúese por completo, pasando a un segundo plano e facendo que o tempo que botamos metidos no mar pase voando. Koral fai que entendamos que do que debemos gozar é da ambientación e que no que debemos pensar é na mensaxe que nos está a deixar, non da súa profundidade xogable.

Unha carta de amor para o mar

A nosa misión é a de repoboar o fondo mariño para volver a dotalo de vida, luz e color. Para elo, temos que ir recollendo as distintas esferas repartidas polos escenarios que nos serven para devolver a vida aos arrecifes de coral, destruíndo así as barreiras de contaminación que impiden que avancemos na nosa viaxe. Mentres xogas e vas recuperando a vitalidade dos distintos biomas, convives co desexo de que na vida real fose todo tan sinxelo como o que se nos formula en Koral. Que todo fose tan simple como darnos un paseo polos océanos espallando sementes e repoboando todo o que temos matado ao longo deste último século. Ese é o gran punto forte deste xogo: a súa capacidade para transmitirnos sentimentos, paixón polo mar, que sexamos quen de pararnos a observar a súa beleza e de compartir o amor que os responsables do xogo senten polos océanos.

Koral é unha carta de amor ao mar pero, ante todo, Koral é aprendizaxe. Repartidas por todo o escenario, e moi facilmente localizables, temos pezas de información sobre a situación que se está a vivir nos nosos mares e océanos. Contaminación, pesca con dinamita, residuos nucleares, vertidos químicos, etc. Pero ao mesmo tempo que nos pon ao día do que acontece no fondo mariño, achéganos unha mensaxe de esperanza: hai algo moi bonito polo que loitar e que debemos salvar. Isto transmítese moi ben a través do aspecto audiovisual que, combinado co xogable, fai que algo se esperte dentro de nos, un ápice de conciencia que nos invita a reflexionar sobre a nosa influencia no que está acontecendo no planeta.

Koral permítenos visitar o fondo mariño e contemplar a súa beleza.

Dúas horas de viaxe polos arrecifes de coral

Koral é un xogo que te pide que o volvas percorrer. Todo o apartado técnico se conxunta á perfección co xogable para ofrecernos un título moi coherente e unido, unha pequena xoia do deseño de videoxogos que paga a pena ter entre as mans. Dúas horas é o que dura a primeira volta, pero non son dúas horas as que quereremos perdernos nas profundidades do mar. Sempre nos podemos deixar cousas atrás para así ter a escusa de querer darlle outro repaso, aínda que non nos fai falla ningunha para volver a mergullarnos no océano e traer de novo a biodiversidade ao fondo mariño.

Todos os elementos que compoñen o seu aspecto audiovisual xogan en favor desta inmersión. Por unha banda, temos un apartado sonoro moi sutil que case pasa desapercibido pero xoga en favor de que pareza que, de verdade, estamos dentro do mar. Mención aparte merece a paleta de cores escollida para o deseño de escenarios e personaxes e o emprego que se lle da ao longo do noso paso polos distintos biomas. Ambientes, plantas e animais vólvense tremendamente coloridos despois de que lles devolvas a vida ao teu paso polos distintos escenarios.

O aspecto audiovisual de Koral e o seu principal atractivo.

Do descoñecemento ao abuso

Aínda que o mar sempre teña o mesmo aspecto, o dano que lle estamos a infrinxir é xigantesco. Hoxe en día os arrecifes de coral, as consideradas selvas tropicais submarinas, ocupan a metade do terreo que ocupaban fai sesenta anos. Non somos plenamente conscientes de que estamos arrasando coa diversidade dos océanos e de que temos que asumir a nosa parte de culpa, por mínima que sexa.

Son poucas as cousas sabemos sobre os océanos e os mares a pesar de que a maior parte do noso planeta está composto por eles. Unha das pílulas de información que podemos recoller na nosa viaxe polos arrecifes coralinos di que «sabemos máis do que hai fora da Terra que do que hai nas profundidades dos mares». Ao mellor é ese descoñecemento o que nos leva a abusar ou a ignorar os efectos das nosas accións. Os videoxogos son un gran medio para divulgar e concienciar acerca da realidade e, como calquera outra expresión artística, teñen mensaxe e teñen unha axenda, así que polo menos vamos a estar de parte daquelas que redunden nun beneficio colectivo.

8

O mellor

  • Control moi fluido
  • Visualmente é moi atractivo
  • É un xogo con mensaxe e conciencia
  • Invita a darlle unha segunda volta

O peor

  • Podería terse ampliado e mellorado o concepto do xogo
  • Precisaría un ápice máis de variedade nos crebacabezas
Esteban Canle

Colaborador de Morcego. Gústame falar, ler e escribir sobre videoxogos.