A triloxía orixinal de Doom resucita nas máquinas actuais
A celebración da QuakeCon 2019 chega cargada de novidades sobre os títulos de id Software, pero antes de que fora publicado o anuncio oficial, a triloxía orixinal de Doom apareceu na Nintendo eShop, a tenda dixital de Switch. Porén, durante o nomeado evento confirmouse que non só sairá para Switch, senón tamén para PS4, Xbox One e dispositivos móbiles —aínda que só os dous primeiros capítulos neste último caso—.
Este relanzamento coincide co 25 aniversario da franquía, e ten por obxectivo que os xogadores poidan gozar nas plataformas actuais destes títulos históricos. Ademais, o primeiro capítulo tamén incorporará o Episodio 4 e un modo cooperativo e competitivo para até catro xogadores. A segunda entrega disporá das 20 fases a maiores de The Master Levels e posuirá multijugador. Resurrection of Evil e The Lost Missions preséntanse como os extras de Doom 3.
A falta de coñecer o seu prezo en euros, Doom e Doom 2 custarán 3,99 libras, mentres que Doom 3 —na súa versión de 2004—, estará dispoñíbel a un prezo de 7,99 libras.
Paga a pena lembrar que Doom Eternal cheegará ás tendas o 22 de novembro deste ano para PS4, Xbox One, Nintendo Switch e PC. Esta nova entrega dá continuidade á transformación que sufriu a franquía co xenial reboot que supuxo o Doom de 2016.