Actualidade Labazadas e patadas a esgalla no EVO Japan 2019

Labazadas e patadas a esgalla no EVO Japan 2019

A segunda edición xaponesa do enorme evento de xogos de loita, o EVO Japan 2019, defínese por ser un espectáculo pouco convencional ao ser o punto de reunión de xogadores estranxeiros e xogadores xaponeses que normalmente non asisten a eventos internacionais. Con todo, hai que destacar algunhas ausencias como as dos veteranos de Street Fighter, Daigo Umehara, Bonchan (semifinalista na Capcom Cup) e outros, debido á voda de Gachikun (terceiro posto na Capcom Cup).

Logotipo da EVO Japan.

Na parte de Soul Calibur VI tivemos o encontro da elite francesa contra os xogadores nipóns. O torneo foi unha das primeiras grandes demostracións do xogo a alto nivel e tivo a súa final entre o francés Keevs e o xogador de Singapur, Shen Chan. Concluíndo co triunfo indiscutible por tres sets de Keevs usando a Nightmare contra o Cervantes de Shen Chan.

No torneo de Street Fighter cabe destacar a pronta eliminación de Tokido, definido habitualmente coma un dos xogadores máis consistentes na escena competitiva. O Akuma de Tokido foi derrotado pola Cammy de Powell, quen normalmente non sae de torneo fóra da súa rexión. Powell, á súa vez, foi derrotado polos finalistas Momochi e Fuudo, que pecharon o torneo cun fantástico Kolin vs Birdie.

King Of Fighters acadou unha atención que normalmente non logra en competicións en occidente. A final tivo lugar entre M e ET e tras unha primeira ronda máis ou menos igualada rematou coa vitoria de M. Nada cambiou a partires de aí, e M dominou as partidas até lograr un 3-0 co seu Benimaru/Shun’Ei/Iori.

King of Fighters amosou un estado de saúde xenial, ao acadar boa parte da atención mediática.

Por último, tivemos a competición de Tekken 7 que destacou polo éxito de Arslan Ash. Este xogador deu a sorpresa ao arrasar de maneira sólida a veteranos como Knee, a pesares de levar menos dun ano na escena competitiva profesional. A promesa paquistaní tivo que vencer a AK para reiniciar a final, xa que viña polo cadro de perdedores. Imparable, voltou gañar despois do reinicio. Agardamos ver o retorno deste campión nas próximas competicións.

En conxunto o campionato deixou varias sorpresas dignas de celebrar, pero non hai que ignorar o lamentable espectáculo durante a mostra de Dead Or Alive 6, onde se amosaron unha serie de escenas vergoñentas para os tempos que corren en materia feminista. Aínda así, a comunidade de xogos de loita logrou recrear un ambientes de rivalidade e compañeirismo dos tempos das máquinas arcade. O menos que se pode facer é a condenación das actitudes que poidan favorecer ambientes nocivos para os membros da propia comunidade.

Mirando xa cara o futuro, temos a contra parte americana do EVO, que terá lugar en Agosto. Anunciaran os xogos que tomarán o escenario principal a semana que vén. Agardamos que presenten o mellor espectáculo posible, onde os claqueteos dos botóns e as pancas fagan vibrar de emoción a todos os afeccionados dos xogas de loita.

Artigo escrito por: Carlos L. Yunta

Redaccion

Revista Morcego, o perfil para subir a información xeral, do día a día.

Comentarios non permitidos
  1. […] Tras a celebración da segunda edición do EVO Japan hai pouco máis dunha semana, confirmáronse os nove títulos que configurarán a aliñación de videoxogos de loita cos que se competirá no maior torneo de loita do mundo, o EVO 2019 americano, do 2 ao 4 de agosto, no Casino-Hotel Mandalay Bay de Las Vegas, situado no corazón do Strip, a rúa máis coñecida da cidade de Nevada. […]