Actualidade League of Legends presenta nova tempada cunha brutal cinemática

League of Legends presenta nova tempada cunha brutal cinemática

Non vos rendades agora.

Unha mensaxe clara e sinxela. League of Legends presentou esta mañá a súa nova tempada 2020 a través dunha espectacular peza cinemática. Cando se inicia o novo curso competitivo? Nunhas horas, o venres 10 de xaneiro. Riot promete novos desafíos e novas recompensas. O MOBA máis famoso do mundo está vivo, moi vivo.

Creado en colaboración con BlurStudio, nunhas poucas horas o tráiler superou o medio millón de reproducións. A música corre por conta de Imagine Dragons. A comunidade encomiou a súa calidade e o seu potente deseño artístico, respondendo de xeito moi positivo en redes sociais, ademais de comentaren ou compartiren encomios sobre o vídeo.

Dentro das novidades que haberá na Tempada 2020, revélase un redeseño de Volibear, ademais da chegada do un novo campión, Sett, que chegará o 14 de xaneiro. A compañía responsábel do título tamén confirmou o regreso do modo de torneos por equipos, Clash, ademais doutras novidades para Teamfight Tactics.

Riot quere que League of Legends siga figurando como unha das obras dixitais máis universais e potentes da industria, sendo este ano 2020 un bo momento para buscar e darlle un novo impulso ao seu MOBA. Non só ao xogo, senón a todo un universo que xa confirmou expansións en forma doutros videoxogos realizados por estudos alleos a Riot.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.