Legends of Runeterra publicarase de forma oficial a finais de abril
Pero non estaba a xente xa xogando? Si, á beta aberta. A versión 1.0 de Legends of Runeterra, xogo de cartas con base no universo de League of Legends, estrearase a finais do mes de abril, o día 30. O seu lanzamento oficial tamén supón a chegada do título a dispositivos móbiles iOS e Android, o que permitirá, amais disto, o xogo cruzado entre os diferentes sistemas.
Doutra banda, engadirase unha nova rexión e un novo set de cento vinte cartas. Sumando esta nova rexión, serán xa sete dentro do título, con trinta e cinco campións e máis de catrocentas cartas. Riot puxo empeño en crear unha obra equilibrada, o que queda demostrado a través das diversas actualizacións que foron incorporadas na procura do máximo rendemento para todas as estratexias e mazos posíbeis.
As contas dos usuarios non serán reiniciadas, senón que se conservará todo o progreso realizado até o de agora —a beta xa permitiría transaccións con carttos reais—, malia que si se dará por finalizada a tempada actual dentro das partidas ranked e/ou competitivas. Os seus reponsábeis queren agradecer a todos os participantes da beta a súa paciencia e comprensión, regalando un Gardián Poro Lunar a todos aqueles que rexistraron a súa conta antes do 7 de maio.