Libro Branco :: O videoxogo español pon as súas cifras (e problemas) sobre a mesa

Libro Branco :: O videoxogo español pon as súas cifras (e problemas) sobre a mesa

Convertido xa nun ritual de verdadeiro interese para os seguidores da industria do videoxogo local,  a Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos (DEV) acaba de presentar o Libro Branco do Desenvolvemento 2020. Trátase dun documento anual que procura ser un resumo útil da industria estatal, mais tamén fixa obxectivos e desafíos futuros.

A pandemia manda, por iso a presentación deste ano foi virtual, a través dunha retransmisión de case dúas horas de duración na que foron debullados, en diferentes niveis e profundidades, datos, cifras e asuntos que rodean o videoxogo español. Xunto á de Valeria Castro, presidenta da Asociación, o evento contou coas intervencións de María Pena, Conselleira Delegada do ICEX, Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo, e Jose Manuel Rodríguez Uribe, ministro de Cultura e Deporte. En xeral, todos os participantes amosaron a súa intención de seguir integrando elementos e persoas, amais de buscar relacións máis estreitas entre a asociación e o Goberno, que afirmou o seu interese no sector.

Alén da crise sanitaria, DEV confirma o que todas as compañías de videoxogos do mundo xa foron comentando: o 2020 foi un ano glorioso para a venda de títulos. A facturación mundial dentro do sector superou os 175.000 millóns de dólares, o que supón un crecemento do 20 % respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos recolleitos no informe.

Sen xiros no guión, os títulos para sistemas móbiles seguen marcando unha tendencia á alza ex a xeran case a metade da facturación total entre plataformas. Así, e ollando os datos por rexións, a de Asia-Pacífico lidera a facturación total seguida polo mercado estadounidense, para logo aparecer o europeo. España colocaríase como o décimo mercado do mundo, superado por Italia, que notou un ascenso notorio este pasado ano.

Nese sentido, e xa de entrada, os últimos meses foron bastante interesantes para a produción española, pois foron editados éxitos como Blasphemous (aínda que lanzado no 2019, logrou os seus maiores éxitos no 2020), Call of the sea, Summer in Mara ou Temtem. A industria local defínese como moza e con moito potencial, palabras que xa se foron repetindo ao longo destas últimas dúas décadas, pendentes aínda de dar o paso definitivo.

Acudindo a datos máis precisos, o Libro Branco explica que neste intre hai 415 estudios constituídos e 240 aínda por constituír mais con actividade. Por rexións, Catalunya e Madrid lideran a industria cun 27.3 % e un 24.4 % de densidade de estudois. Tamén é interesante comprobar como se logrou certa consolidación neste eido para varias compañías, pois un 57 % dos estudios españois teñen xa máis dun lustro. Non é baladí. A facturación, por motivos xa mencionados, viu un aumento notorio e sitúase principalmente en empresas catalás, donas dun 51 % dos ingresos. O 31 % desta facturación prodúcese nas grandes empresas do sector, coa maioría das compañías facturando por baixo de 200.000 euros ao ano.

Doutra banda, a industria do videoxogo produce agora mesmo en España uns 7.320 empregos directos, mantendo un crecemento constante. O obxectivo de DEV é aumentar a cifra ao longo do próximos catro anos até os 8.400 profesionais de alta cualificación. Igual que ocorre coa facturación, a maioría do emprego está localizado en Catalunya.

É interesante o dato, bastante bo, que sinala que o 57 % dos estudios puido manter a todos os seus empregados durante a pandemia, e o 72 % deles non notou problemas no desenvolvemento máis aló dunha paralización temporal do proxecto. A maioría destas empresas non sufriu cambios na súa facturación mensual e o 16 % deles mesmo viu medrar os ingresos.

Se queres ou precisas de máis datos, tes nestaa mesma ligazón o Libro Branco ao completo, coas súas máis de 100 páxinas ilustradas.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados