Actualidade Limbo, de balde na Epic Store, dará paso a dous xogos de enorme éxito

Limbo, de balde na Epic Store, dará paso a dous xogos de enorme éxito

Cumprindo o prometido, Epic Games Store regalará aos seus usuarios, durante dúas semanas, o aplaudido e escuro Limbo. Como é habitual, sen ningún tipo de custo, podes facer que pase á túa biblioteca dixital. Trátase dunha aventura singular, de corte independente, en branco e negro, onde manexamos a un lento personaxe que trata de sobrevivir nun mundo ateigado de arrepiantes perigos. Pronto cumprirá unha década, pero mantense fresco e diferente. Playdead, os seus responsables, crearían tempo despois Inside, tamén con moi boas críticas.

O curioso, é que a vindeira oferta que chegará á tenda, o 1 de agosto, non terá só un xogo, senón dous. This War of Mine e Moonlighter serán as dúas obras escollidas para ser rebaixadas até os cero euros.

O primeiro configúrase como un apaixonante xogo de estratexia e xestión, creado por 11 bit Studios, que conta un suceso bélico cunha mirada o máis afastada posible da habitual do medio, desterrando calquera heroísmo e deixando tan só a supervivencia pura. Pola súa banda, Moonlighter defínese por ser un dos éxitos máis recentes e recoñecidos da industria española. Un xogo de rol e exploración de alxubes a través dos ollos dun mercador que soña con ser aventureiro. Moi recomendable.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.