Reportaxes Link’s Awakening :: Setenta cancións para unha lenda

Link’s Awakening :: Setenta cancións para unha lenda

Coa chegada en forma de revisión de The Legend of Zelda: Link’s Awakening, temos a oportunidade de volver á illa ficticia de Koholint e acompañar de novo a Link no orixinal periplo que unha vez vivimos en Game Boy, ao son de tan fantástica banda sonora, agora orquestrada no que é un retorno parcial da saga ás grandes bandas sonoras sinfónicas.

Porén, neste texto non faremos máis que algunha mención anecdótica á banda sonora da revisión recén chegada ás tendas, centrándonos por completo na obra orixinal que viu a luz aló por 1993.

Contexto

A obra orixinal presentaba mecánicas como a pesca, aínda hoxe utilizadas.

Link’s Awakening é unha das entregas máis estrañas e pouco recoñecidas da saga The Legend of Zelda, sendo este o primeiro xogo da mesma en saír nunha consola portátil, Game Boy. Un proxecto iniciado co obxectivo de levar o fantástico A Link to the Past de SNES a Game Boy e que rematou por desembocar nunha aventura completamente inédita, con elementos innovadores que perduraron na franquía —e industria— até o presente como a secuencia de intercambios ou mecánicas como a pesca.

Un desenvolvemento de ideas creativas para poñer probar que se podería facer na consola portátil e que acabou por exceder con fartura as expectativas iniciais do equipo que traballaba na súa creación. Esta liberdade está representada tamén no aspecto sonoro, sendo a banda sonora orixinal deste xogo máis profunda e con maior contido que as estreadas até a súa estrea en plataformas de sobremesa como NES e SNES, a pesar das claras limitacións de hardware da Game Boy.

Tamén podemos atopar chiscadelas a outras sagas de Nintendo como Yoshi, Kirby, os Chomps característicos de Super Mario Bros. e mesmo seccións de xogo do xénero de plataformas con cambio de posición na cámara.

Un detalle curioso é que este é o único The Legend of Zelda que, fóra de Link, non ten nin un só dos personaxes icónicos da saga como poden ser Zelda, o antagonista Ganon ou Tingle; nin as localizacións até ese momento coñecidas, como a rexión de Hyrule ou o castelo que leva o mesmo nome.

A banda sonora ao servizo da experiencia

Kazumi Totaka (Animal Crossing), Minako Hamano (Metroid) e Kozue Ishikawa (Earthbound). Tres compositores para un só xogo. Algo que a día de hoxe pode parecer normal, en 1993 e para un xogo de consola portátil que se presupoñía pequeno, foi toda unha revelación.

A banda sonora está composta por máis de setenta temas, incluíndo os orixinais deste título e as remesturas dos clásicos da franquía. Para poñer todo isto en contexto, a banda sonora de A Link to the Past, apenas conta con trinta composicións sendo un título destinado a consola de sobremesa e cunha clara vantaxe de hardware grazas ao excelente chip de son SPC700 e o seu DSP acompañante de 16 bits  que foron desenvoltos e fabricados por Sony.

Por iso anteriormente citamos a liberdade no desenvolvemento de ideas como catalizador para este título. Nunha época con cunha grande limitación no hardware, permitirse o luxo de crear e incluír melodías destinadas a ter un só uso ao longo de toda a aventura é case unha frivolidade artística. É o caso do tema Sword Search, que só podemos escoitar ao principio do xogo cando o noso protagonista está a buscar a súa espada, a modo de preludio para a aventura que agarda.

Da mesma forma, se en A link to the Past tiñamos un par de temas para os alxubes, en Link’s Awakening hai unha composición característica para cada unha das oito que imos atopando segundo avanzamos na aventura.

É a liberdade creativa e o desenvolvemento indiscriminado delas a única influencia da banda sonora neste xogo? Por suposto que non. O propio obxectivo do título é facerse con oito instrumentos musicais situados en diferentes alxubes co obxecto de tocalos á vez para espertar ao Peixe Vento. Por suposto, cada instrumento está representado coa súa propia melodía ou, dalgún xeito, a súa propia versión da Balada do Peixe Vento, o leitmotiv de Marin e a canción que sacará a este Peixe do seu letargo.

Malia que a Ocarina xa aparecera en A Link to the Past, este é o primeiro título onde se lle dá varias funcións dependendo da melodía usada podendo tocar até tres cancións diferentes: Balada do Peixe Vento, Mambo de Mambo e Canción da alma da ra.

Esta banda sonora no seu conxunto serviu para afianzar a forma na que se traballaría en futuras entregas. Custa pasar por alto como Ocarina of Time, saído cinco anos despois, é unha evolución lóxica do traballo realizado en Link’s Awakening pero adaptado a unha nova consola de sobremesa: un bo uso do leitmotiv, temas moi diferenciados entre eles para, segundo que momentos e localizacións da aventura, poder tocar un instrumento —Ocarina, novamente— usando nós os controis.

Link’s Awakening é un título fundamental na franquía de The Legend of Zelda, tanto na súa vertente xogábel como no apartado sonoro, por mor de ser un punto de inflexión entre as boas ideas do pasado e o avance obrigatorio do futuro.

Un bo easter egg

O bo de Kazumi Totaka, un dos compositores deste título —e doblador de Yoshi—, é ben coñecido por incluír un dos ovos de pascua máis coñecidos do mundo dos videoxogos: a canción de Totaka. Unha canción moi curta e carente de gran interese pero que deixou o seu selo en diversos xogos, desde Mario Paint até Animal Crossing.

Como non podía ser doutro xeito, xa que participou neste proxecto, en Link’s Awakening tamén o temos.

Ismael Vidal
Ismael Vidal

Músico e profesor. Apasionado dos JRPG e namorado de buscar cómics antigos en tendas esquecidas

1 Comentario
    • Xogón
    • En: 23 de Setembro de 2019

    Eu non xogara ao Link’s Awakening orixinal até fai ben pouco, e fiquei abraiado porque resultoume moito mellor do que agardaba. Pensaba que sería o parruliño feo da saga, pero máis ben é un curmán algo lonxano por mor da narrativa; a música e a xogabilidade están al nivel.

    Boa reportaxe!

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *