Lords of the Fallen supera o millón de copias vendidas en diez días
Lords of the Fallen xa vendeu un millón de copias. Chegou a un dos fitos máis difíciles na industria do videoxogo en apenas 10 días.
O CEO de CI Games, Marek Tyminski, explicou que «Lords of the Fallen é o xogo máis importante e ambicioso que desenvolvemos en toda a nosa historia de vinte anos, e é o primeiro dos nosos xogos AAA para os próximos anos», permitindo entrever que o estudio ten plans ambiciosos de cara ao futuro.
A día de hoxe, o título foi recibindo críticas maioritariamente positivas entre a prensa e a comunidade, amosando algúns aspectos a mellorar pero tamén demostrando ter capacidades de seu nun eido onde Fromsoftware é unha referencia indiscutíbel e cunha sombra máis que alongada.
Lords of the Fallen chegou ao mercado o pasado 13 de outubro e está dispoñible para PlayStation 5, Xbox Series X/S e PC.