Os Titáns de Giants deixan a súa pegada no Combo Breaker
A competición Combo Breaker tivo lugar esta fin de semana e o equipo Vodafone Giants levou aos seus titáns para competir contra o resto do mundo en Street Fighter V (Vegapatch), Mortal Kombat 11 (Fasoll) e Dragon Ball Fighterz (Shanks). Finalmente, despois de suar sangue, acadaron uns resultados xeniais en todas as competicións. Tras o torneo no StunFest, onde os tres pelexaron cos mellores de Europa en Reennes, Francia; tocaba agora viaxar a Illinois para o Combo Breaker, un dos grandes torneos americanos, cita considerada a proba de lume antes do EVO de agosto.
En Street Fighter V tivemos a Vegapatch co seu F.A.N.G. (considerado un personaxe bastante lowtier), que logrou un Top 16 tras moitos enfrontamentos complicados en cuestións de matchup. Entre os momentos destacados temos a súa vitoria contra Smug durante a final da súa pool e especialmente destacable é a súa vitoria contra o lendario Daigo Umehara (para os que non o coñezan simplemente mirade o chamado EVO Moment #37). Por desgraza, Vegapatch caeu contra iDom, pero sen dúbida deu un golpe na mesa e demostrou o nivel que xa se viña vendo coa súa imbatibilidade dentro de España.
Sen dúbida cabe esperar bos resultados nos próximos torneos. Porén, a consistencia do actual líder da táboa de puntos da Capcom Cup, Punk, amosa ser un desafío moi duro que superar.
Doutra banda, no torneo de Mortal Kombat 11 tivemos un Fasoll que se adentraba no templo internacional do Mortal Kombat. Se na maioría dos fighting games é Xapón o país que cultiva as súas bestas, no caso desta franquía o horto pasa a ser de Estados Unidos. Fasoll, usando a Kung Lao, logrou saír do pool, pero acabou sendo eliminado na segunda rolda da bracket clasificatoria a Top 24. Un gran nivel para ser dos primeiros torneos do xogo recentemente estreado título de Nether Realm e do que, de seguro, oiremos falar ao longo dos próximos meses.
DIOS MIO SHAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAAANSKF NSDJKIOFHDFGHJFDGBJ FGHJFVJ pic.twitter.com/9N8aqFKBkU
— David Alonso (@Lozarklol) May 26, 2019
Por último, temos o gran triunfo da fin de semana co Top 3 logrado por Shanks no torneo de Dragon Ball FighterZ. No primeiro día logrou entrar no Top 8 tras unha derrota de ChrisG (antiga lenda do Ultimate Marvel Vs. Capcom 3) que tras unha viaxe desde losers, onde tivo que derrotar a ApologyMan (outro dos mellores xogadores do Ultimate Marvel Vs. Capcom 3), cobrou con intereses a derrota do día anterior nun desquite sen piedade que acabou nun 0-2 a favor de Shanks.
Posteriormente nas semifinais do lado de losers, derrotou a SonicFox (campión do torneo do EVO de Dragon Ball FighterZ 2018), pero por desgraza perdeu a final de losers contra HookGangGod, deixando a Shanks ás portas da gran final contra G01.
4th in DBFZ! Shanks is way too good holy shit! Those 18 barrier calls were the end of me!
— FOX | SonicFox @ ComboBreaker (@SonicFox5000) May 26, 2019
O fighting español xamais demostrou tanto nivel e esta decidido a que o resto do mundo lembre as súas xestas para a visita de agosto. Será no EVO onde veremos a estes grandes xogadores tentar superarse a si mesmos e conquistar o torneo de Las Vegas. Esperamos con gana ver o futuro destes xogadores e agardamos que aos poucos vaian obtendo o recoñecemento que merecen.
É necesario destacar os labores de detrás das cortinas tanto polo propio equipo de Vodafone Giants que apostou polos fighting games creando unha escuadra disposta a entrar en torneos internacionais e a proporcionar os medios para que os xogadores poidan acudir. Non hai que esquecerse nunca da comunidade de BCN Fighters (á que pertencen xunto a Javier ‘Sharin’ Sanabria, capitán do equipo e un dos fundadores da comunidade de BCN Fighters) no seu labor divulgativo, organizativo e competitivo no terreo dos xogos de loita. Podemos lembrar brevemente os torneos Dragon Rush, que organiza esta comunidade, e a propia liga G.F.L. (na que colabora Giants e que proporciona ao gañador un billete para participar no EVO de Dragon Ball FighterZ).
Se estades interesados, o xoves 30 BCN Fighters terá o habitual talkshow na súa canle de Twitch onde os xogadores contarán a experiencia do Combo Breaker, entre outros temas da semana relacionados, ou non, co mundo dos fighting games.