Luís Quintans dimite de DEV tras o Caso BadLand
Luís Quintans, presidente e membro da xunta directiva da Asociación Española de Empresas Productoras y Desarrolladoras de Videojuegos y Software de Entretenimiento (DEV), dimitiu once días despois das declaracións que Dan Adelman e Tom Happ, responsables de Axiom Verge, realizaron sobre BadLand Games, a compañía da que Quintans era CEO (oficialmente agora é BadLand Publishing).
A xunta directiva de DEV publicou o seguinte comunicado:
D. Luís Quintans presentou a súa dimisión do cargo de presidente de DEV, así como o seu cesamento como membro da xunta directiva da Asociación.
Segundo o previsto polos estatutos de DEV, o vicepresidente asume provisionalmente a presidencia de DEV á espera que, en breve, os órganos de goberno da Asociación abran o proceso para a elección de novo presidente.
A xunta directiva quere agradecer o compromiso de D. Luís Quintans como membro deste órgano e, especialmente, estes dous últimos anos á fronte da Asociación.
O Caso BadLand sacudiu a árbore da industria española do videoxogo. Un asunto no que se descubriu que BadLand Games debía 78.000 dólares á empresa Limited Run Games, cartos que debía usar para a creación dunha serie de copias físicas de Axiom Verge para Wii U e a súa distribución en Estados Unidos. A compañía norteamericana insinuou tal asunto vía Twitter e logo continuaron caendo as fichas de dominó. Dan Adelman, produtor do título, sinalou que a distribuidora española debía aos creadores do videoxogo e a impoñente cifra de 200.000 dólares. BadLand prometera aos creadores de Axiom Verge que o 75 % dos beneficios obtidos polas vendas do título irían destinados aos gastos médicos do fillo de Thomas Happ, máximo responsable da obra dixital.
Unhas horas despois, Quintans realizou un comunicado no que confirmaba o feitos pero que tamén asumía as responsabilidades dos mesmos, e aseguraba que a súa intención foi sempre a de pagar as débedas contraídas. O comunicado non convenceu a todo o mundo, e aínda quedaba por coñecerse se DEV tomaría medidas a raíz do caso. Finalmente, a xunta decidiu aceptar a dimisión do director de BadLand Publishing como presidente da asociación.
[…] a dimisión de Luís Quintans despois do caso BadLand, a Xunta Directiva de DEV renovouse coa incorporación de seis novos vocais, propostos tras remitir […]