Mafia Trilogy será o nome da remasterización editada por 2K Games
Moitos son os amigos, poucos os escollidos. A familia non se escolle, pero é o alicerce básico na ficción criminal. 2K Games confirmou esta tarde a creación de Mafia Trilogy, as versións definitivas e remasterizadas dos tres títulos da saga Mafia, coñecida polo seu mundo aberto e a súa acción a través dos gánsteres americanos.
O anuncio deixa tras de si un breve tráiler que amosa algunhas pinceladas do lavado de cara que sufrirán os títulos orixinais. Non hai detalles, polo de agora, do prezo ou da data de lanzamento para a compilación, malia que parece que o 19 de maio a compañía achegará novas informacións.
Durante os últimos meses, a maioría de filtracións indicaban que si se estaba traballando nun proxecto deste tipo, sendo Mafia 2 o que máis posibilidades tiña de volver aos andeis das tendas. Chegará tamén para Nintendo Switch esta nova versión? É quizais a pregunta máis destacable, pero que de momento non ten resposta