Actualidade Magic: Legends réndese logo das malas críticas e cancela o seu desenvolvemento

Magic: Legends réndese logo das malas críticas e cancela o seu desenvolvemento

Non todo ten un final feliz; ás veces, nin sequera un principio. Magic: Legends, o RPG de acción baseado no mítico xogo de cartas, nunca chegará a ver a luz. Após a mala recepción da súa beta aberta, os responsables do xogo, Cryptic Studios, decidiron non lanzar a versión final, pechando os seus servidores.

Se queres ver ou comprobar como lucía o título, aínda tes a posibilidade de facelo descargando a versión de proba na Epic Games Store, malia que só poderás xogar ata o 31 de outubro. Sexa como for, o título completo nunca verá a luz como tal en PS4, Xbox One nin PC. A continuación podes ler o comunicado da compañía, no que lamenta non estar á altura do universo de Magic.

Por suposto, todos aqueles que gastaran diñeiro na súa beta recuperarán os cartos nos días vindeiros. A tenda do xogo pechará de inmediato, tamén. O comunicado oficial:

Con gran pesar debemos de anunciar que Magic: Legends pechará o 31 de outubro de 2021. Todos os xogadores que gastaran diñeiro durante a beta aberta recibirán un rembolso de todas as súas compras. Os servidores permanecerán abertos para xogar ata o día de peche. Emporiso, pecharemos a tenda Zen de xeito inmediato. A finais desta semana todos os artigos poderán ser mercados con Aether, a nosa moeda gratuíta do xogo.

A nosa visión de Magic: Legends non logrou ser acertada, mais estamos orgullosos do que logramos. Grazas a Wizards of the Coast puidemos levar o universo de Magic: The Gathering a unha ampla audiencia e explorar novos ángulos dentro do xénero de RPG de acción establecido. Aprendemos leccións moi valiosas polo camiño e usarémolas para mellorar os próximos xogos que desenvolva Cryptic.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.