Reportaxes Magic: Legends :: Todo o que sabemos deste MMO

Magic: Legends :: Todo o que sabemos deste MMO

As marcas deben ser aproveitadas. É pura inercia de consumo. Se tes un nome que funciona, úsao; é unha orde. Co paso dos anos, a cultura pop soubo xerar ingresos e produtos de todo tipo á hora de aproveitar un nome. A día de hoxe, dar un paseo por algún dos comercios que se amorean baixo o paraugas de Inditex supón todo un escaparate de logotipos, debuxos e personaxes máis que coñecidos estampados sobre unha camiseta. De Batman aos Ramones, do Rey León a The Beatles. Todo excedeu o seu medio inicial.

Quizais por iso non debese resultar estraño que a industria do videoxogo veña sendo un terreo abonado para expandir universos e ideas. Abonda unha boa semente para que medre unha xenerosa árbore. Dará froitos, comeranse e, con algo de sorte, algunha que outro inzo será plantado. Riot, por exemplo, comprendeuno excepcionalmente ben ao longo dos últimos tempos. Por que limitar unha marca como League of Legends a un só videoxogo? Por que poñer fronteiras a centos de personaxes que posúen historias para ser narradas? Non se fale máis. Legends of Runeterra abre a veda no terreo das cartas e Riot Forge servirá para guiar a outros estudios que queiran aproveitar o legado do LoL.

É algo que Blizzard soubo traballar moi ben no pasado. Azaroth é unha terra fabulosa na que crear narracións. O seu asalto ao xénero MOBA con Heroes of the Storm non terminou sendo o éxito planeado, pero flirteou con esa idea de agrupar baixo un mesmo teito todos os seus grandes personaxes. Estaban aí.

Conxunto de cartas de Magic the Gathering.

Ás veces, as transformacións tamén se dan do analóxico ao dixital. Nos anos noventa, Magic: The Gathering aparecía grazas a Wizards of the Coast e convertíase no primeiro xogo de cartas da súa clase, chamado en estados unidos trading card game. Richard Garfield, apaixonado do fenómeno rol, converteríase nun nome indispensábel dentro da industria do lecer xuvenil. Hoxe a súa historia continúa. Mesmo fóra da marca que el mesmo creou, chegando a colaborar e traballar na creación de Artifact, o estrepitoso fracaso de Valve no xénero das cartas.

Sexa como for, Magic: The Gathering tamén quixo aproveitar o seu nome para se instalar no cartafol Arquivos de programa de milleiros de ordenadores. Desenvolvido e publicado pola mesma compañía que o orixinal, configúrase como unha adaptación free-to-play bastante accesibél. O seu nome, ou alcumes máis habituais, quedou configurado como MTG Arena ou Magic Arena. En novembro do ano 2017 a súa beta faise realidade; dous anos despois, en setembro de 2019, estréase como título oficial.

Alén desta cronoloxía moi simple e rápida, a nova que conecta a expansión de universos con Magic chegou durante a última gala de The Game Wards. Alí, perante unha audiencia millonaria, era anunciado o primeiro MMO do universo ideado na cabeza de Garfield. Unha ambiciosa viaxe que mesturará acción e compoñentes RPG para convencer a unha comunidade esixente, onde a competencia antóllase fera e establecida.

Un novo camiño (pero coñecido)

Que Wizards of the Coast apostase por crear un título RPG non debería sorprender máis da conta. Magic vén do rol e é rol. O curioso é que non se tentase dar este paso con anterioridade vendo o ben establecida que estaba a marca ao longo das últimas dúas, case tres, décadas. Hai historias que contar e para contar.

Unha forza ancestral móvese na escuridade e debes percorrer os planos e reunir o poder necesario para loitar contra ela. Elixe o teu camiño a través dos planos, reúne feitizos para incluílos en potentes mans e controla o caos da batalla mentres loitas para salvar o Multiverso da maior ameaza á que se enfrontou.

Con este parágrafo, Legends preséntase na súa páxina oficial. Un lugar que está en total funcionamento e que pode arroxar certas pistas do sentido dunha obra que deberá competir con auténticos pesos pesados no futuro, a saber: Diablo IV, Path of Exile, Baldur’s Gate 3 ou DivinityOriginal Sin II. Quizais sexa boa idea darlle unha ollada ao seu primeiro tráiler.

O certo é que xa parece unha tradición, dentro do xénero; calquera obra desta clase ten que ser presentada cunha espectacular cinemática que recolle a modo de película esa esencia fantástica e máxica que o título pretende amosar. A orixinalidade non é algo demasiado habitual neste eido, pero o título de Magic: Legends xerou certa expectación entre aqueles espectadores que de madrugada vían a cerimonia de premios. A comunidade do xogo de cartas é grande, por suposto.

A cousa é seria. O desenvolvemento da adaptación a este formato está a ser realizado por Perfect World Entertainment, creadores do máis que coñecido MMORPG Perfect World. O currículo e o pasado é bo. Recentemente o seu nome asociouse con Remnant: From the Ashes, ao apareceren como editores desta notable obra que recolle a testemuña de Dark Souls e engáde armas de fogo á ecuación. É dicir, que saben o que fan á hora de instaurar as regras dun universo propio, ademais dos seus miles de liñas argumentais con éxito.

Que quere Legends? Que quere ofrecer ao xogador? Que espera que faga? A empresa estableceu catro alicerces básicos para entender o concepto do título:

  • Percorre o teu propio camiño – Deberás cruzar varios planos para salvar o Multiverso, pero a senda que tellas é decisión túa.
  • Controla o Caos – Controla o caos en combates en tempo real. Elixe os feitizos da túa biblioteca estratexicamente porque os roubarás ao azar durante a loita.
  • Recolle e mellora – Descobre innumerábeis feitizos e reúne fragmentos destes para facelos máis poderosos.
  • Loita en equipo – Cruza os planos en solitario ou en compañía de até outros dous planeswalkers.
Así se deixou ver

Aos poucos, sistema de tempo habitual no medio, a información foi aparecendo desde o anuncio oficial. Após a súa cinemática, até dous adiantos en formato gameplay viron a luz para que os usuarios poidan familiarizarse co aspecto da obra. Como é mellor velo que explicalo, dentro vídeo. Game Informer tivo en exclusiva en acceso a este contido.

Ben marcado e ben en grande; a marca de pre-alpha na parte inferior lembra que aínda hai camiño por diante. Porén, o adianto coa Geomancer permite aproximar ideas das dinámicas das que fará gala Legends, e que ofrece non poucos detalles. Máis aló de aspectos gráficos, texturas ou cores, podería sorprender a elección dunha cámara case cenital que achega a concepción do xogo ARTS, tipo Diablo.

Outro detalle que se obtén do adianto é o ben adaptado que semella o control para consolas, ao comprobarmos como as accións encaixan nos comandos habituais do mando, con catro feitizos para descargar sobre as criaturas ou defendernos do inimigo; rivais que serán numerosos en pantalla, centrando a acción e o espectáculo en potentes habilidades AOE, que danarán a varias unidades á vez.

As primeiras impresións foron mornas. A idea do universo adaptado de Magic ao xénero MMO para non poucos pasaba por unha estética máis próxima a Final Fantasy XIV ou World of Warcraft, e non tanto a unha aposta por querer entrar no terreo onde hoxe o brutal Path of Exile domina con man de ferro grazas ao seu enorme contido e a súa gratuidade. Se se producirán cambios neste eido no futuro é un misterio, pero a aposta inicial de Perfect World é a que é.

Por suposto, tamén houbo opinións positivas. Moitos usuarios deixaron as súas opinións nas diversas redes sociais, expresando o seu agrado polo grao de espectacularidade que posúen os feitizos, pero o medo a que se converta nunha simple recua de habilidades a lanzar unha e outra vez está presente. Os escenarios baleiros non axudan, malia que queda moitísimo tempo para puír, mellorar e, se todo sae ben, estrear.

Na práctica, as cartas seguirán presentes, pois poderemos construír unha combinación de 12 cartas que, de xeito aleatorio, irán aparecendo para ser activadas polo noso personaxe en forma dos amentados feitizos. Non quere esquecer Legends de onde vén, aínda que quizais si teña que realizar diversos sacrificios para chegar a ser un MMO con futuro.

Para cando esta nova baralla?

Pregunta de risco. O futuro título é hoxe un proxecto sen data real. Confirmou plataformas, sendo PC (Steam), PlayStation 4 e Xbox One as súas futuras casas, o cal permitirá vivir a experiencia de diversas formas. Ora ben, polo camiño estréanse novas máquinas, o que quizais permita un lanzamento tamén na nova xeración ou unha aparición conxunta.

Non se espera para antes de 2021, o que permite tempo de desenvolvemento e creación, pero tamén arroxa moitas dúbidas namentres outros títulos de corte similar aparecen. Diablo IV, por exemplo, aterrará máis pronto que tarde cun aspecto que loce bastante máis ambicioso nunha primeira ollada. Path of Exile 2 tamén se está xestando. Haberá oco para todos? Amais disto, queda por sabermos o seu modelo de negocio, sendo o máis probábel o free-to-play se ollamos os antecedentes de Wizards of the Coast. Xurdirían con iso outras dúbidas: Como sacará diñeiro? Canto impacto terá a economía do micropago no título? Pay-to-win?

Se queres probar Legends nun futuro, a inscrición esta aberta. A través dun simple formulario no que das acceso a unha serie de datos e aceptas unhas condicións, todo aquel que queira formar parte da próxima beta pode ter unha oportunidade de conseguiren un boleto para esa viaxe. Iso si, non ten data no encabezado.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.