Magic Twins, unhas bruxas con moito ollo para os quebracabezas máxicos

Desenvolto polo estudio madrileño Flying Beast Labs, Magic Twins preséntase como un xogo arcade de quebracabezas cooperativo no que as bruxas Abra e Cadabra deben intercambiar constantemente os seus poderes cromáxicos para derrotaren as hordas de elementais de cores e deter o Colormageddon que elas mesmas provocaron —sen querer, claro—. Vermello vence a vermello, azul vence a azul… A maxia non ten por que ser complicada!
A comunicación tamén é presentada como un elemento de relevancia para acadar a coordinación precisa entre os xogadores e así superar os retos e desafíos propostos polos responsábeis do título. Cales? Xefes finais, diversos modos de xogo, eventos especiais… Amais disto, tamén se poderán desbloquear diferentes aspectos e cosméticos para Aba e Cadabra. Segundo o sinalado por Flying Beast Labs, tratouse de combinar o mellor de Puzzle Bubble, Plants vs Zombies e Overcooked, pero cunha estética spooky e kawaii.
Aínda sen unha data fixa no calendario, Magic Twins aterrará en PC, Switch, PlayStation 4 e Xbox One ao longo do próximo ano; tamén están estudando a posibilidade de aparecer en diversas plataformas de xogo en streaming.