Reportaxes Malos tempos para a lírica de Final Fantasy XV

Malos tempos para a lírica de Final Fantasy XV

Se a súa creación é narrada como unha das máis esperpénticas da industria do videoxogo nos últimos anos, simula que Final Fantasy XV tampouco poderá salvar o seu final. A saída de Hajime Tabata de Square Enix vén de provocar un tsunami de proporcións bíblicas dentro da compañía. De momento, a empresa nipona xa cancelou o 75 % dos DLC anunciados para FF XV, o último xogo no que Tabata traballou, e traballará, con Square Enix.

A décimo quinta entrega da saga Final Fantasy tardou en rematarse unha década. Polo camiño, a listaxe de cambios na produción é antolóxica, incluíndo a substitución do seu director. Con todo, viu a luz finalmente un xogo notable, afastado do que moitos lembrarán dos títulos máis clásicos da saga pero con personalidade propia grazas ao seu grupo de protagonistas e un road trip con momentos máis que interesantes. Tardou en chegar a PC, pero chegou. Cun apartado visual exquisito, a idea era que FF XV tivera unha vida máis dilatada no tempo. Non será así.

De todos os contidos descargables amosados en abril, só se salvarán dous: o Episodio Ardyn, que chegará en marzo do ano que vén, e unha versión da expansión multixogador Irmáns de Armas.

Tabata, que foi?

Hajime Tabata, director de Final Fantasy XV, anunciou onte que deixaba de liderar Luminous Productions e que prescindirá do paraugas laboral de Square Enix de maneira inmediata. Todo isto foi amosado nun streaming en directo no que non poucos pensabamos que o que se ía amosar eran avances dos DLC futuros.

Tabata demostrou un heroísmo de seu ao poder finalizar a décimo quinta entrega da saga. Un xogo que nacía das cinzas dese Final Fantasy Versus XIII despois de que Tetsuya Nomura deixara de comandar o barco que tiña que levalo a porto. Non foi unha tarefa doada. Tabata logrou recompoñer as pezas e construír un proxecto novo que acabou sendo o que hoxe coñecemos por FF XV. Ollo, se un quere mergullarse na historia deste título comprobará con alivio coma un despropósito tan grande acadou finalmente a calma na forma dun título máis que xogable, impensable anos antes.

Tabata salvou o último Final Fantasy e publicouno a tempo. Faltaban cousas, pero tamén dixo que se irían engadindo. Así foron chegando capítulos novos, diálogos, cinemáticas, melloras no combate (como poder controlar a todos os personaxes) e o tempo pasou. Se o xogo orixinal foi lanzado en novembro de 2016, no 2017 recibiría unha primeira remesa de DLC que, resumindo o asunto, narraban as vivencias persoais dos principais protagonistas de FF XV.

Mentres se anunciaba un sistema multixogador, e íanse amosando novos contidos futuros para o título en cuestión, Square Enix abría un estudio novo, Luminous Productions, coa idea de ser a súa punta de lanza para producir xogos triplo A. Tabata foi o elixido para ser o seu director e crear novos proxectos. Até agora. Da súa marcha, ademais da rotundidade e celeridade da mesma, pouco se sabe. Non hai un motivo oficial máis aló de especular cos posibles problemas de financiamento e resultados que vive o estudio.

O que queda

Square Enix non titubeou no seu streaming e non quixo maquillar as malas novas. Tabata vaise e só teñen pensado rescatar o episodio novo protagonizado por Ardyn. Ese arco narrativo que sería The Dawn of the Future (ironías da vida o seu nome) quedarase a medias… Ou nin sequera. Os episodios Aranea, Lunafreya e Noctis non chegarán de ningunha maneira ao mercado. Akio Ofuji, director xeral da saga, confirmouno claramente: “A compañía fixo un cambio na súa dirección, e a decisión tomada pasa por reexaminar estes proxectos, o que conclúe a súa produción do Episodio Ardyn, e a cancelación do resto”.

¿Que máis? Sobre a mesa queda ese Final Fantasy XV: Irmáns de Armas, que chegará como xogo independente, para o que non necesitaremos ter o FF XV se queremos gozar del. Aterrará nunha versión dixital con 10 novos xefes finais, armas, traxes… O 12 de decembro chegará ás tendas en liña cun prezo de 14,99 euros.

Tamén está ese crossover entre FF XV e FF XIV, Aventuras doutro mundo, que chegará en forma de misión final para a última entrega e contará as aventuras de Y’jhimei, unha rapaza que busca axuda no mundo de Noctis. Xuntos, deberán derrotar a Garuda, un dos xefes finais de FF XIV e evitar así un cataclismo global.

No futuro “máis próximo” aínda esta por ver como se finalizará e como chegará o remake de Final Fantasy VII.

Ben está o que ¿ben? remata

Pode non ser esperado este final tan amargo para as aventuras dos protagonistas de FF XV pero nun sentido lírico, poético, non podía ter outro. A creación desta última entrega volveu lembrar aos xogadores todos os problemas que arrastra Square Enix cunha das sagas máis valoradas e recoñecidas dentro da industria. O seu é un camiño cara un cantil que comezou co seu último éxito verdadeiro, ese Final Fantasy XII para PlayStation 2 que vendeu seis millóns de unidades pero xa adoecera de moitísimos problemas na súa xestación.

Despois, a pouco que un siga os movementos de Square Enix, xa sabe que aconteceu. Títulos incapaces de rivalizar coas historias do pasado mentres o aumento exponencial da toxicidade dentro da compañía, con moitos traballadores falando de crunchs para rematar xogos deixados a medias, e un bo puñado de directores que foron saíndo da compañía durante o proceso de produción. E aínda está aí o remake de Final Fantasy VII… Sen data fixa de lanzamento e coa posibilidade de fuxir á próxima xeración de maquinas.

A franquía Final Fantasy pasou de realizar dez títulos numéricos en catorce anos a tan só cinco nos últimos dezasete. O dato pode exercer de resumo empírico á hora de falar dos problemas que a empresa xaponesa ten entre mans cando se trata de crear un novo JRPG con dúas efes no seu nome. Unha espiral de traballo mal feito da que non parece poder saír.

Aquí queda o streaming, en inglés, no que a compañía fixo público todos os datos narrados hoxe.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.