Man of Medan :: A antoloxía abre as portas
Segundo a definición da RAG, unha antoloxía trátase dunha «colección de obras ou fragmentos escollidos, literarios ou musicais». Dende Supermassive Games recollen este concepto e propoñen unha viaxe ao longo de oito títulos baixo a licenza de The Dark Pictures Anthology, sendo o primeiro porto no que desembarcar este Man of Medan. A nova proposta do estudio do sur de Inglaterra amosa unha evolución, grazas aos responsábeis do xogo, cara a unha faceta multixogadora e que xa é de xeito totalmente consciente do que representa para os afeccionados dos seus anteriores traballos.
Larry Fessenden e Graham Reznick son dous guionistas apaixonados polo mundo do terror. Todos os proxectos que levan nas costas funcionan de testemuñas, dende o propio Man of Medan até o gran proxecto de Supermassive que foi Until Dawn. Nesta nova etapa queren facer unha homenaxe aos grandes programas de medo da televisión, facendo especial fincapé no exemplo máis notábel neste sentido: The Twilight Zone.
Durante os cinco anos (1959-1964) que a CBS levou os nervios e inquietudes á casa das familias dos Estados Unidos, un home recibía a aquela audiencia nada mas comezar o episodio correspondente. Rod Serling, mente mestra detrás da serie, introducía os espectadores un pequeno adianto do que estaba por vir, disparando a imaxinación de todo o mundo.
Este papel é recollido polo Conservador de historias, unha figura rodeada de misterio e ambigüidade que agarda tras un escritorio nunha mansión repleta de cadros. Pinturas que cobran vida ao seu paso e que permiten intuír historias que no futuro poderemos coñecer. Este home presenta os personaxes e pequenos anacos do lenzo que imos atopar.
Un paso máis na escuridade
Until Dawn foi unha obra que buscaba amedrentar, esa sensación de que calquera erro podería ser fatal para o futuro de toda a tropa que pasa a noite na casa de Josh. Pese ás boas sensacións que deixou, Until Dawn non correspondía aos xogadores coa súa faceta primaria; as películas de medo son mellores cando estás con alguén ao teu carón. O seguinte título, Intencións Ocultas, foi consciente desta fraqueza e trouxo o apartado multixogador á compañía, podendo os teus convidados participar na tenebrosa sesión cos seus móbiles.
Man of Medan supón un paso máis neste sentido e probablemente o definitivo. O selector de partida é a primeiro sinal deste cambio, xa que podes escoller entre xogar a soas ou con alguén, tendo esta segunda opción dúas ramas: historia conxunta ou noite de pelis. A través do primeiro podemos xogar cun amigo en liña e co segundo poderemos xuntarnos con até catro participantes máis, para posteriormente seleccionar que personaxes desexamos controlar.
Esta é a gran evolución que realizou Supermassive Games. Ser conscientes de que os seus xogos aportan e propoñen unha dinámica de xuntar persoas nunha sala escura para desentrañar un misterio e levar máis dun susto. Iso é o que permite que Man of Medan sexa unha primeira pedra para unha antoloxía que se aveciña moi inquietante. A posibilidade de xogar entre varios amigos, tendo que pasar o controlador no momento que toca decidir o futuro dun personaxe, é a constatación absoluta da súa visión do mundo do descoñecido.
Unha viaxe complicada
E con todo isto, aínda temos unha historia que xogar. Man of Medan presenta un grupo de amigos, con relacións activas e con personalidades propias, que queren pasar uns días mergullándose na Polinesia Francesa e, claro, non todo sae como eles agardan. O terror chega até eles na forma dun barco militar, que leva á deriva durante décadas no océano. Seguro que máis dun recorda a película de 2002, Ghost Ship, e que é moi semellante neste intre.
Sen revelar moito máis, aqueles que están familiarizados con títulos anteriores da compañía non recibirán ningunha sorpresa. Chega así a elección de diálogos, podendo escoller entre opcións máis guiadas polo corazón ou con certa intelixencia. Como se fose un efecto bolboreta, as decisións repercutirán no devir da partida e multiplicando as posibilidades de cara ás posteriores.
O xogo está divido en tres actos, nos que recibiremos unha nota final na que saberemos se somos racionais, xente de sangue quente ou non estamos seguros do que escoller. Por suposto, tamén faremos unha visita ao Conservador, xa que el, coma se fose o noso mestre, fará unha avaliación dos nosos progresos e poderemos escoller se precisamos dalgunha pista ou non.
Ademais, moi lixeiros toques de exploración permiten recoller anotacións, diarios ou incluso obxectos que poden ser vitais máis adiante. Neste apartado son decisivos os cadros que podemos atopar e que revelan posíbeis futuros, polo que podemos estar previdos ante un perigo. Tamén algunha destas láminas agocha segredos que terán que ser resoltos nun futuro…
Doutra banda, os planos utilizados antóllanse fundamentais, xa que non dispoñemos do control da cámara. Esta é utilizada con moito acerto, pretendendo dirixir a mirada onde o estudio quere, o que deriva en sustos inesperados. Non bebe unicamente o xogo do screamer, senón que é capaz de utilizar perfectamente a fórmula de crear un ambiente propicio e que tremas por ter que dobrar a seguinte esquina.
Sen embargo, este planos tan ben escollidos para aportar unha visión cinematográfica non conxugan todo o ben que deberían con uns controis lentos á resposta do mando. É necesario recorrer a un tema clásico no mundo dos videoxogos: temos que xogar segundo a personalidade do personaxe ou tal e como nós fariamos na mesma situación? As barras que determinan o grao de relación cos nosos compañeiros e os adxectivos que acompañan a cada un dos membros poder terminar por limitar en pequenas doses a acción do xogador.
O mellor está por chegar
Man of Medan é unha consolidación. Non é ningunha sorpresa, é como volver ver a un vello amigo co que sabes que o vas pasar ben. Coñeces as súas bromas, os seus defectos e as súas virtudes; e sempre presta vivilas unha vez máis. A primeira parte de The Dark Pictures Anthology comeza con bo pé e podemos estar ante o comezo dunha saga imprescindíbel para os amantes do terror. Por suposto, xa coñecemos o nome do seguinte título, Little Hope, ambientado noutro escenario e con outros personaxes. A vida segue, o Contador de historias agarda. Vémonos dentro de seis meses.
O mellor
- Perfecto para xogar con amigos que gocen deste xénero
- Variedade de opcións e extensa rexogabilidade
O peor
- Controis e redacción de textos mellorabéis
- Algunhas animacións das personaxes semellan demasiado forzadas