Mandos de Super Nintendo para Switch? Unha patente así o indicaría

Non son poucas as pistas que levarían a pensar que a compañía da gran N ten nos seus plans de futuro o lanzar unha revisión dos controladores da súa clásica Super Nintendo para Switch. É un rumor que levaba tempo no aire pero que agora colle un novo camiño, de carácter oficial.
O asunto saltou a través da famosa conta de Twitter de Nibel, coñecido polas súas filtracións, case sempre certas. O usuario recolle información e datos sobre unha patente que leva por nome Model HAC-042. Trataríase dun material que, nun principio, debía ser confidencial até o ano que vén, pero que saíu á luz por mor dunha filtración.

Imaxe que acompaña a suposta filtración de datos sobre mandos bluetooth de SNES.
A Comisión Federal de Comunicacións ten a responsabilidade de aprobar os aparellos con conexións inalámbricas antes da súa venda nos Estados Unidos. A relación deste novo produto con Switch vén dada porque os produtos relacionados con esta consola levan a identificación “HAC”, como é o caso deste novo controlador.
Non poucos usuarios comezaron a compartir a nova na Rede, supoñendo que este feito achega a posibilidade de que Nintendo teña nos seus plans lanzar os clásicos de SNES en Nintendo Switch Online, como xa fixo con diversos títulos da NES Orixinal, que están dispoñíbeis para os subscritores deste servizo. A compañía, na estrea do seu modo en liña, tamén puxo á venda uns Joy-Con especiais, estilo retro, inspirados na vella máquina xaponesa.