Actualidade Manolo Lama e Paco González repiten como voces do FIFA

Manolo Lama e Paco González repiten como voces do FIFA

Logo de vinte e unha entregas sendo os comentaristas oficiais de marca FIFA en España, Manolo Lama e Paco González acudirán de novo á súa cita coa franquía na edición deste ano. O primeiro confirmou no programa O Partidazo da COPE que ambos os dous veñen de iniciar as sesións de gravación para incluíren candansúas liñas de comentarios.

Curiosamente, a información foi desvelada dun xeito un tanto casual. O presentador do programa, Joseba Larrañaga, dera paso a Dj Mario, o youtuber de Móstoles, que compartiría unhas palabras con Eden Hazard, a nova fichaxe do Real Madrid. O creador de contido recoñeceu que silenciaba os comentarios de Manolo Lama cando retransmitía FIFA, para evitar o solapamento de voces e posibles confusións. O madrileño tamén recomendou incluír novos comentarios nun futuro, porque xa os sabe todos de memoria.

«Non me fales; levo 23 días gravando para o ano que vén», comentou Manolo Lama ao darse por aludido. «Hoxe gravei 2.000 arquivos; calcula que cada día gravo 2.000 arquivos con Paco, e en tres tons diferentes». Confírmase así, tamén, a participación do condutor do programa Tempo de Xogo.

Electronic Arts presentou diversas novidades sobre FIFA 20 no EA Play, un evento paralelo ao E3, pero celebrado na mesma cidade dos Ángeles. O novo simulador de fútbol chegará a finais de setembro para PlayStation 4, Xbox One, PC e Nintendo Switch. Unha das súas novidades máis chamativas é a incorporación de VOLTA, un FIFA Street dentro do propio xogo.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.