Mario Kart 8 Deluxe recibirá até 48 pistas remasterizadas a partir do 18 de marzo
Nintendo quere ampliar a experiencia de Mario Kart 8 Deluxe, un dos seus grandes éxitos dentro do catálogo de Nintendo Switch. Como? Pois pasando por caixa, como non podía ser doutra maneira, mais pode pagar bastante a pena. A partir do 18 de marzo, tal e como foi confirmado no Nintendo Direct deste mércores, o título de carreiras da máquina híbrida comezará unha segunda vida.
Que engade este DLC? Realmente, non se trata dun contido totalmente novo, senón dunha serie de circuítos de xeracións pasadas, ben coñecidos dentro da franquía. É un paquete que recibe o nome de Booster Course Pass e incluirá 48 pistas remasterizadas, que serán engadidas de forma progresiva en packs de 8 cada poucos meses, de aquí a finais de 2023. Prezo? 24,99 euros.
O primeiro paquete, que chegará na devandita data, traerá o Centro Cocotero de Wii, o Monte Chocolate de Nintendo 64 e o Circuito Tokio da versión para móbiles. Na eShop tamén aparece confirmado que entrarán o Circuito Toad (3DS), os Outeiros Champiñón (NDS), o Xardín Celeste (GBA), os Bulevares de París e a Mansión Ninja (ambos os dous de Mario Kart Tour).
Nintendo abre a posibilidade de compralos de xeito individual ou de gozar deles sendo abonado do Nintendo Switch Online Paquete de expansión, que xa inclúe o DLC de Animal Crossing: New Horizons e diversos xogos de Nintendo 64 e Sega Saturn. O prezo, deste xeito, sería de 39,99 euros ao ano, incluíndo o servizo en liña habitual e as vantaxes xa sinaladas.