Mario Kart Tour, o título máis descargado na App Store no 2019

Apple vén de publicar os títulos máis descargados do ano que remata. Con máis de 90 millóns de descargas na súa primeira semana, o xogo de balde máis exitoso foi Mario Kart Tour, unha obra de Nintendo que rompeu máis dun récord coa súa aterraxe nos dispositivos móbiles. Séguenlle Color Bump 3D, aquapark.io e Call of Duty Mobile.
Doutra banda, na lista de xogos de pago, Minecraft faise coa primeira praza. O imparábel título de Microsoft foi a obra máis vendida deste ano por diante de xogos como Heads Up! ou a versión para móbiles de Plague Inc.
Mellores xogos do ano
Amais das obras máis exitosas, Apple quixo galardoar a través de varias categorías a uns poucos títulos:
- Sky: Children of the Light coroouse como mellor xogo para iPhone
- Hyper Light Drifter fíxoo como mellor xogo para iPad
- Wonder Boy: The Dragon’s Trap figura como mellor xogo para Apple TV
- Sayonara Wild Hearts álzase co premio de mellor xogo de Apple Arcade
- GRIS, con selo barcelonés e preciosista na súa proposta, leva a coroa de mellor xogo para Mac