Actualidade Marvel’s Spider-Man convértese na galiña dos ovos de ouro

Marvel’s Spider-Man convértese na galiña dos ovos de ouro

Sendo Dragon Quest XI un xogo cun público máis concreto e menos masivo co de Marvel’s Spider-Man, non debería estrañar a ninguén que este sexa o título do momento, ese ao que todo o mundo está a xogar, e do que medio planeta fala. Non lle importa ao home araña ser exclusivo de PS4. Xa a pasada semana levaba despachadas 3,3 millóns de copias despois da súa primeira fin de semana. Isto deulle a marca do exclusivo que máis rápido se vendeu na historia da consola de Sony.

Está claro que dentro de Insomniac Games os sorrisos han de estar á orde do día. Tanto Bryan Intihar, director creativo do estudio, coma Bill Rosemann, director creativo en Marvel Games, quixeron destacar nas redes sociais que este Marvel’s Spider-Mané o Iron Man dos videoxogos de Marvel”. O símil pode entenderse dunha maneira doada, xa que aquela primeira película de Robert Downey Jr. coma Tony Stark está considerada o primeiro éxito real do universo cinematográfico de Marvel, e o que abriu as portas a unha década de vertixe para as cintas de superheroes.

A comparación está cargada de intencións, xa que vén a dicir que deron coa tecla exacta para facer xogos colosais de personaxes de Marvel, e poderían estar os usuarios de consolas ou PC ante o inicio dunha etapa cargada de licenzas heroicas. Acabáronse os xogos mediocres baseados no universo da Marvel? Dende logo, estes directivos parecen querer evitalo.

No futuro a medio prazo debúxase un proxecto con Os Vengadores, un título encargado e preparado por Square Enix, desenvolvido por Crystal Dynamics e aínda sen data de lanzamento. Pode que o éxito deste novo Spider-Man reclame un aumento do traballo para evitar calquera baixón de calidade. Por suposto, os rumores tamén comezaron a facer acto de presenza pola Rede tras o éxito de Insomniac, e moitos usuarios falan da posibilidade de que o estudio decida traballar nun Iron Man. Dende logo, sería unha tolemia gozar dun videoxogo triplo A, coas posibilidades que xa todos coñecemos, cun Tony Stark e os seus traxes como protagonistas.

 

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

4Comentarios
    • Pastel de carne
    • En: 25 de Setembro de 2018

    Se tivese que elixir un superhéroe dos vengadores ó que xogar, antes que Ironman iríame a Hulk. Podería ser algo do estilo do Prototype, pero máis verde e enfadado.

    Responder
    • Carlos Pereiro

      Hulk molaría tantísimo… pero vexoo para unha futura xeración de consolas / gráficas capaz de aguantar partículas, explosións e destrución a unha escala memorable. Non?

      Responder
        • Pastel de carne
        • En: 26 de Setembro de 2018

        Tes razón, no de que ten que ser impresionante, se non… Pero se xogaches a beta do Battlefield 5, polo menos no PC, é impresionante o nivel de destrucción. Tamén é certo que é DICE, que saben o que fan nese ámbito.

        Responder
    • Xogón
    • En: 29 de Setembro de 2018

    Eu o único que sei é que a campaña de publicidade do home-araña foi brutal. Inventaron tantas noticias e artigos para falar do xogo por tódolos lares que xa estou canso del sen telo xogado…

    Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *