Análises Marvel’s Spider-Man. O superheroe que aspirará ao GOTY

Marvel’s Spider-Man. O superheroe que aspirará ao GOTY

De neno, polo menos na miña casa, non era raro que máis que xoguetes ou bonecos o que un tivera foran figuras de Spider-Man. Podían ser do propio heroe (nas súas decenas de opcións e traxes) ou podían ser os seus viláns, os seus inimigos íntimos. Así, durante anos, un agarda que algún día chegue o momento de xogar a un videoxogo no que poida ser o home araña. E foron chegando títulos. Algúns moi acertados, rompedores; outros non tanto. Pero a idea estaba aí. Marvel’s Spider-Man é o mellor xogo deste heroe ata este día. E isto ten moito máis de obxectividade que de subxectividade pese ao ton da frase.

O exclusivo de Sony (porque hai que lembralo e destacalo) é unha explosión un tanto inesperada. Tras todos os gameplays e os trailers presentados, había unha nube que non paraba de botar gotas de desconfianza: “será un Batman pero con Spider-Man”, “haberá downgrade”, “non é para tanto”, “demasiados quick time event”… Con pouco, creouse un halo sombrío arredor do videoxogo de Insomniac Games. Podería ser bo, pero non sería perfecto. Esa semente da dúbida foi medrando ata converterse nunha enredadora cunha aperta moi forte, por iso, cando agora comprobamos o estupendo xogo que é Marvel’s Spider-Man hai cabida a sorpresa,  cando a realidade é que o estudo xa o fora avisando. Xamais mentiu.

E se imos máis aló? E se o novo título do home araña fora o mellor xogo do ano e un serio aspirante ao GOTY (Game Of The Year). Ao marxe das predicións e das bolas de cristal, hoxe podemos dicir que non é unha tolemia pensar algo así. A estas alturas, se falamos de consolas e xeracións, hai unha cousa clara: Sony vai saír como a grande gañadora desta época. O catálogo de PS4 posúe algúns exclusivos tremendos, que apenas obtiveron unha resposta clara por parte de Microsoft. Marvel’s Spider-Man vén a pór unha guinda a ese feito neste 2018, e medirase de ti a ti ao final de ano con ese perfecto renacemento que foi God of War 4.

O mellor da nova obra de Insomniac Games é a adición brutal que provoca o seu balanceo. Dende o minuto un (literalmente) o xogador comproba a máxica sensación que provoca levar ao trepamuros por Manhattan adiante. Os seus movementos, as súas animacións, o realismo da ficción… Non hai un xogo no mercado que aporte esta sensación de heroísmo, de verte na pel dun superheroe tan mitolóxico na cultura do século XXI como é Spider-Man.

Todo funciona durante un paseo pola cidade. O traxeado Peter Parker reacciona dunha maneira xenial ás superficies que aparecen ante el, e as telarañas xusto chegan a ese punto perfecto para proseguir cunha animación preciosista. É unha continua película. Unha conversión do xogador en testemuña dos movementos do heroe que sorpende a cada pouco.

Hai que ir có evidente, tamén. Dicir que Marvel’s Spider-Man non bebe con certa ansia do sistema de combate posto a funcionar por Rocksteady nos seus Batman, sería un erro. Claro que hai unha influencia, é claro que son modelos semellantes, pero tamén hai que falar do plus de axilidade que Spider-Man aporta, e da acertadísima decisión de levar as combinacións de golpes ao aire, de xogar cos obxectos que hai arredor, de pegar a un inimigo na parede como… Si, como faría o Spider-Man que todos coñecemos.

Engadamos á ecuación unha serie de artefactos que fagan o combate (e os momentos de sixilo) máis variados. Tamén botemos sobre o prato un pouco de condimento estético: ata 25 traxes poden ser desbloqueados durante a aventura, a maioría deles con algún poder ou característica especial. Non é pouco.

Cal é a kryptonita entón deste Spider-Man? Non é difícil adiantalo. A propia reiteración do xogo, que nunca quere saírse excesivamente do guión. Nese sentido, Insomniac parece que quixo asegurar o feito, e non se plantexou a posibilidade de engadir demasiados elementos diferentes, nin misións demasiado forzadas ao cambio. Na práctica real, a innovación que aporta Marvel’s Spider-Man é moi limitada. É un bo resumo de todos os xogos de mundo aberto que foron aparecendo nestes anos, pero a súa aportación ao xénero pode ser sinalada como moi discreta, que non nula, conste. Baixar á rúa e que a xente pida selfies é un puntazo. Que aplaudan, que o flipen, en poucas palabras, por ver a un superheroe, é digno de mención.

Non esquezamos a narrativa. A historia desde Peter Parker e orixinal e cumpre a súa función a perfección. A relación que o trepamuros ten con MJ está moi lograda, e chega a amosar momentos xeniais ante a cámara. A adaptación do Spider-Man que coñecemos ao século XXI é colosal, con centos de detalles aos vellos tempos, encaixados no presente con moito mimo e dedicación.

Marvel’s Spider-Man chegou para atrapar a moitos. A súa compra de lanzamento é recomendable se un posúe os cartos para elo. E a compra dunha PS4? É difícil responder iso. Dende logo, vendo os prezos dos packs (379 euros, consola e xogo; 429 a Pro) pode ser realmente tentador para todo que queira vivir o que queda de xeración da man de Sony, á que aínda lle resta, previsiblemente, o mellor. Caer preso dunha telaraña, tamén pode ser satisfactorio.

9.0

O mellor

  • Ser Spider-Man. Sinxelo á par que eficaz. Ningún xogo do superheroe transmitiu tanto a sensación de levar o traxe do home araña.
  • Visualmente é un portento. As animacións, a luz, os cambios na cidade...
  • A cantidade inxente de traxes, xa que sempre é un gusto poder variar de estética. Tamén a propia historia do xogo e a súa narrativa orixinal.

O peor

  • Non hai unha innovación real no xénero nin cara aos anteriores xogos. Hai melloría, pero non rompe o teito.
  • Os enfrentamentos cos xefes finais pecan de certa repetición no seu plantexamento.
  • No nivel de dificultade por defecto, está lonxe de ser algún tipo de reto.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Comentarios non permitidos
  1. […] concreto e menos masivo co de Marvel’s Spider-Man, non debería estrañar a ninquén que este sexa o título do momento, ese ao que todo o mundo está a xogar, e do que medio planeta fala. Non lle importa ao home araña […]