MediEvil Remake :: Así son as impresións que nos deixou a demo

MediEvil saíu do seu nicho. A revisión da afamada obra de PlayStation asoma o cranio desde a esquina e após o State of Play realizado onte, xa temos dispoñíbel unha demo para comprobar se Sir Daniel Fortesque está tan vixente hoxe como hai xa máis de 20 anos. Unha revisión a outro título clásico daquela época, que se une a outros como Crash ou Spyro, que atraeron a novos xogadores e a nostálxicos de ambas as dúas sagas. Que podemos agardar de Gallowmere?

Sir Daniel volve de entre os mortos para se redimir.
En primeiro lugar, é preciso remarcar o evidente: o apartado gráfico. Other Ocean Interactive realizou un traballo á altura, trasladando fielmente todos os elementos da obra orixinal ás capacidades técnicas da consola PS4. A presentación e cinemática do principio así o demostra. O ambiente, os mortos viventes, o ton xeral do xogo… todo transmite un terror cándido, similar ao que ofreceron películas como Bettlejuice ou A Noiva Cadáver (Tim Burton approves). Non resulta tampouco espectacular, pero tampouco é necesario; un xogo destas características non precisa espremer o sistema.
A nivel xogábel, os cambios foron escasos pero apropiados. Unha vez máis, contamos coa espada de Sir Daniel, o seu escudo ou as dagas que agora poden ser facilmente intercambiábeis pulsando o botón triángulo, sen necesidade de pausar o xogo e acudir ao menú para escoller a nosa arma. Os zombis son máis agresivos e refuxiarse detrás do escudo é aínda máis vital, polo que lanzarse como esqueleto sen cabeza cara aos inimigos non é tan recomendábel. Ningunha queixa respecto os controis do noso amigo, xa que Sir Daniel móvese con axilidade, cun tempo de resposta que traslada os posíbeis erros ao xogador e non ao xogo.

Gráficamente, MediEvil Remake cumpre coas expectativas.
Doutra banda, o control da cámara é libre…ás veces. Podemos axustar o ángulo que queiramos co joystick dereito, malia que nalgúns puntos a cámara colócase nun punto concreto para ofrecer unha perspectiva diferente e que acaba por resultar prescindíbel. A exploración e resolución de quebracabezas son moi sinxelos, sen ningunha sorpresa para todos aqueles que xogaron a MediEvil no seu día. Na demo pódese gozar dos dous primeiros niveis: a cripta de Dani e o Cemiterio, que como dicimos, están recreados de xeito fiel.
Se algo deixaron claro os últimos lavados de cara da compañía xaponesa, é que se algo funcionou ben no seu día o mellor é tocalo o menos posíbel. E aquí é onde entra o dilema do que incumbe ou non ao concepto de remake. Queremos algo máis próximo a FF VII, revisionando o seu sistema de combate e achegando novidades ou queremos practicamente a mesma experiencia? Para gustos, xogos. O que está claro a través desta demo é que MediEvil Remake apóiase na segunda opción e apenas modifica nada do que fixo grande á obra orixinal.
Tendes até o 6 de outubro para decidirvos a probar este adianto antes da saída oficial do xogo. Por certo, a exploración ten a súa recompensa e poderedes atopar o casco de Sir Daniel se investigades ben, que poderá ser utilizado na versión final.