Mega Drive Mini celebra hoxe o seu lanzamento
SEGA tráenos de volta un festival nostálxico cos mellores videoxogos clásicos da vella escola da lendaria Mega Drive. O novo modelo, máis pequeno, continúa a corrente dos modelos compactos, que funcionan entre o coleccionismo e a posibilidade de amosar o seu catálogo ás novas xeracións de xogadores.
Mega Drive Mini chega ás tendas con 42 xogos, lista para conectar e xogar. Baséase no Modelo 1 de Mega Drive, lanzado naquel afastado novembro de 1990. Conta con, aproximadamente, o 55 % do tamaño orixinal.
Desde este venres, 4 de outubro, a máquina xaponesa estará dispoñíbel nas tendas cun prezo de venda recomendado de 79.99 euros. Amais dos xogos, tamén inclúe dous mandos de control USB de tres botóns réplica dos mandos de Mega Drive, un cable de alimentación de USB a Micro-B e un cable HDMI.
Algunhas das obras que inclúe a librería interna da consola son auténticos mitos da historia do videoxogo: Sonic The Hedgehog, Golden Axe, Streets of Rage 2, Tetris ou Gunstar Heroes.