MegaSD, o accesorio FPGA definitivo para Mega Drive
MegaSD é o primeiro cartucho FPGA para Mega Drive con capacidade para executar xogos de Mega CD nas consolas de SEGA sen a necesidade de termos o propio Mega CD orixinal. MegaSD non emula os títulos de Mega CD, senón que os executa de igual xeito que o sistema real. Ademais dos propios títulos de Mega CD, tamén executa ROMs de Mega Drive, Master System e 32X –aínda que neste último caso, si preecisamos ter o accesorio orixinal–.
Este novo elemento, fabricado por Terraonion, funciona con todos os modelos oficiais de Mega Drive, incluíndo a SEGA Nomad, mesmo é compatible coa Mega SG, a última consola de Analoge. O cartucho conta cun belo deseño e unha sinxela interface de usuario.
A empresa que está detrás da súa produción, con sede actual en Andorra, ten pasado galego. Terraonion naceu no 2016 no municipio de Outes, provincia de A Coruña, e xa é, a día de hoxe, un referente internacional no desenvolvemento de hardware e software grazas aos seus exitosos produtos. O seu fundador, Alejandro Romero, explica que o grupo de traballo que fixo posible MegaSD atópase repartido por diferentes partes do mundo, como Estados Unidos ou Países Baixos.
Estas son, a modo de resumo, as características principais do novo produto.
- Carga de ROMs de Mega Drive, Master System, Mega CD e 32X.
- Emulación de SVP para xogar a Virtua Racing ou desenvolvemento homebrew que poida aproveitalo (En desenvolvemento)
- Emulacion de módulo FM de Mark III.
- Soporte para substitución de músicas e SFX de xogos de Mega Drive por audios con calidade de CD.
- Cartucho con deseño especial baseado no de Virtua Racing que leva un led que funciona a modo de luz de READ do Mega CD.
- Soporte para SaveStates.
- Soporte para trucos.
- Botón integrado para pausa en Master System, cambio de CD en xogos de Mega CD multidisco e acceso ao menú de cambio de títulos.
- Menú marca da casa, coma todos os produtos de Terraonion.
MegaSD está xa dispoñíbel na súa tenda oficial, con un prezo de 232 euros. As primeras unidades comezaranse a enviar nunhas pocas semanas.