Actualidade Metacritic elimina todos os ceros do review bombing contra Astral Chain

Metacritic elimina todos os ceros do review bombing contra Astral Chain

Metacritic é unha plataforma dixital que recompila as diferentes notas que os medios especializados ofrecen nas súas análises sobre un título en concreto. Popular en todo o mundo, ademais das críticas profesionais tamén ofrece aos usuarios a posibilidade outorgar unha nota e unha recensión sobre calquera obra. Polo xeral, Metacritic é unha páxina de referencia para comprobar o pulso das opinións sobre un proxecto concreto, claro que coma calquera votación pública non está exenta de certos perigos.

Astral Chain, o laureado exclusivo de Nintendo Switch, foi vítima dun review bombing nesta plataforma. Unha práctica que consiste en votar de forma negativa e masiva unha obra co obxectivo de protestar ou chamar a atención aos seus responsables. O novo xogo de Platinum Games ostentaba un 87 sobre 100 de nota media —9.0 polos usuarios—, cifra que baixou en picado debido aos ceros que empezaron a chegar por parte da comunidade.

Por que este movemento contra Astral Chain?A maioría dos comentarios negativos amparábanse na exclusividade do título, dispoñíbel só na máquina híbrida. Tamén se lle comparaba con outros títulos anteriores do mesmo estudio, ou, de xeito máis resumido e directo, líanse insultos inxustificados contra os seus creadores.

A plataforma quixo tomar parte no asunto e foi drástica: borrou a maioría de referencias negativas cara ao xogo. Das 1.099 recensións por parte dos usuarios, só quedan 36 negativas. Calquera opinión sen comentario xustificando a nota foi eliminada. Metacritic quixo deste maneira protexer os seus intereses e os do propio xogo, evitando que se poña en dúbida a utilidade a nivel de referencia válida internacional esas notas que ofrece.

Malia que en Morcego aínda non temos a súa análise preparada —estamos en proceso de finalizar a aventura e prepararmos un bo texto— podemos adiantar que se trata dunha obra sobresaliente en moitos dos seus aspectos, lonxe, seen dúbida, dun cero ou un suspenso evidente.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *