Actualidade Metacritic sitúa a Capcom como a mellor editora do 2018

Metacritic sitúa a Capcom como a mellor editora do 2018

Opinións, listaxes e cualificacións. Todas subxectivas, todas válidas, todas variables. Hai que recoñecer que se algo xera balbordo na comunidade dos videoxogos son as notas nas súas análises. Quizais por iso Metacritic gozase dun éxito crecente nos últimos anos, ao situarse como o gran medidor medio entre a crítica profesional e o público. Esta semana, a web fixo pública a listaxe coas grandes editoras de xogos mellor valoradas do pasado ano. Hai algunha sorpresa?

Para a confección da listaxe tívose en conta unha serie de requisitos. En primeira instancia definiuse gran editora como aquela que publicou doce ou máis títulos durante o 2018. As editoras medias terían publicado entre cinco e once, mentres que as pequenas, menos de catro. Que quere dicir isto? Que non debería sorprender non atopar na táboa algún dos nomes máis famosos da industria como pode ser Activision Blizzard (aínda que tampouco foi un ano de interese para a compañía), xa que, aínda que os seus títulos son triplo A, o seu número de lanzamentos é escaso.

A nota final vén dada polas cualificacións medias dos videoxogos publicados. Unha media que alzou a Capcom como a compañía máis regular este último ano e que situou a Nintendo no cuarto posto, ou a Sony no sexto. Podería parecer estraño, aínda que ten a súa explicación matemática.

Capcom obtivo unha nota dee 79.3, sendo o seu xogo mellor puntuado o Monster Hunter World.

Capcom foi a empresa coa mellor cualificación grazas a un suculento 90 en Monster Hunter World, o seu título mellor puntuado. No lado oposto da balanza estaría Mega Man Legacy Collection 2, cun 60. A media xeral do publisher xaponés é de 79.3. Unha moi boa puntuación.

Por outra banda, pode comprobarse que a Gran N loce un 76.4 de media grazas ao 93 de Super Smash Bros. Ultimate ou ao 83 de Octopath Traveler, pero tamén ao 57 de Kirby Battle Royale.

E Sony? Adoita estar máis arriba nestas valoracións. A pesar do gran ano da compañía a nivel de vendas e exclusivos, só conseguiu un 71.8 de media. O seu xogo máis valorado é God of War con 94 seguido por Astro Bot: Rescue Mission con 90, mentres que o máis baixo é Bravo Team, shooter de PS VR que posúe un baixísimo 45 de cualificación. A media é o que ten.

Aquí tes a listaxe completa:

  • Capcom – 79.3
  • Sega – 78.5
  • Electronic Arts – 77.5
  • Nintendo – 76.4
  • Ubisoft – 73.3
  • Sony – 71.8
  • Bandai Namco Entertainment – 71.8
  • Square Enix – 71.0
  • Digerati Distribution -69.9
  • Focus Home Interactive – 69.8
  • NIS America – 69.5
  • Plug In Digital – 69.4
Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *