Metro Exodus adianta a súa data de lanzamento
Tan ben avanzan as cousas para Metro Exodus, que Deep Silver e 4A Games confirmaron este xoves a entrada do xogo na fase de produción, tamén coñecida coma Gold, para lanzaren o seu novo título unha semana antes do previsto. A terceira entrega da saga con acento ruso comercializarase o 15 de febreiro de 2019 en Xbox One, PlayStation 4 e PC.
Nunha industria onde xeralmente escasean este tipo de novas, máis ben ao contrario, o anuncio vai ser ben recibido por todo aquel que teña xa a súa reserva. “Os nosos fans esperaron pacientemente a Metro Exodus dende que foi anunciado no E3 de 2017,” afirma Klemens Kundratitz, CEO de Deep Silver. “Anteriormente atrasaramos a data de lanzamento para asegurarmos de que 4A Games contaba co tempo necesario para presentar a súa ambiciosa visión do xogo, pero agora estamos encantados de confirmar que Metro Exodus entrou en fase de produción”.
Para celebralo, Deep Silver colgou hoxe a secuencia de apertura de Metro Exodus. A peza audiovisual vén asinada por Elastic, estudio con sede en Santa Mónica e creador dalgunhas das secuencias de apertura máis famosas dos últimos anos, entre as que resaltan as series de televisión Xogo de Tronos ou Westworld.