Actualidade Metro Exodus aposta pola duración e a narración

Metro Exodus aposta pola duración e a narración

Pouco hai que dicir sobre Metro máis aló de que logrou configurarse como unha das sagas máis interesantes do xénero na última década. A súa nova entrega, Metro Exodus, chegará o 22 de febreiro de 2019 para por fin saír á superficie do planeta e coñecer os habitantes que por ela camiñan. A apocalipse foi unha realidade, e agora toca sobrevivir a el.

O xogo luce fenomenal nos adiantos que se foron amosando, máis aínda se engadimos ao seu apartado gráfico o uso da nova tecnoloxía Nvidia HairWorks e PhysX. Haberá que esperar a ver o resultado final, pero no visual, Metro Exodus promete ser un dos xogos con maior impacto para á vista nesta recta final de xeración.

O equipo de traballo encargado da súa creación quixo pór sobre a mesa novos datos sobre o seu desenvolvemento e confirmaron algo que parecía evidente, pero de seguro gustará aos xogadores pendentes do seu lanzamento: Exodus será ata dúas veces maior que Metro Last Light, 2033 e todos os seus DLCs xuntos.

John Bloch, produtor executivo de 4A Games e pai destas declaracións, asegura que non se refire só ao tamaño de escenario, senón a envergadura do seu guión, da súa parte narrativa. A idea do grupo de deseñadores encargados do proxecto foi afondar na historia que queren contar en Exodus, creando personaxes con máis personalidade, máis cribles para o xogador. Os diálogos están sendo coidados e pensados ao milímetro para que destaquen por enriba de calquera entrega pasada.

Nese sentido, hai que lembrar que Artyom será o protagonista da aventura, pero que o personaxe que o público atope na pantalla será moi diferente ao que xa coñece, pois será “elevado a outro nivel”, nas palabras de Bloch. Tamén o elenco que o acompañe ao longo do xogo sufrirá dun enorme aumento, tanto en número coma en calidade.

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *