Actualidade Microsoft afirma que continuará lanzando obras de Activision-Blizzard noutros sistemas

Microsoft afirma que continuará lanzando obras de Activision-Blizzard noutros sistemas

A través dun novo comunicado, Microsoft confirmou ao mundo que «seguirá permitindo que Call of Duty e outros títulos populares de Activision-Blizzard estean dispoñibles en PlayStation durante o prazo de calquera acordo existente con Activision». A compañía de Redmond despexa así as dúbidas sobre si a curto prazo as obras de Activision-Blizzard pasarían a ser exclusivas de Xbox. Polo momento, non.

Tamén revelaron que están interesados en «tomar medidas similares para apoiar a exitosa plataforma de Nintendo» e, explican que «isto é o correcto para a industria, para os xogadores e para o noso negocio».

A letra pequena tamén existe, e é que a empresa estadounidense non confirmou que todos os títulos de Activision-Blizzard, compañía que comprou hai unhas semanas por máis de 60.000 millóns de dólares, cheguen a PlayStation ou a calquera outra plataforma. Seguindo os pasos da anterior compra, Bethesda, ata o de agora só sacaron —sacarán— un exclusivo como tal para Xbox: Starfield.

Ao longo das últimas semanas, a maioría de analistas coinciden en que a compra de Activision-Blizzard preséntase como un enorme reforzo para o Game Pass, e que o maior rendemento económico que Microsoft pode obter desta compra non pasa por xerar títulos exclusivos para PC e Xbox, senón por manter un sistema mixto.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.