Actualidade Microsoft aposta pola accesibilidade e engade transcrición e locución dos chats en tempo real

Microsoft aposta pola accesibilidade e engade transcrición e locución dos chats en tempo real

Poder xogar calquera xogo todo aquel que queira, un obxectivo que oxalá algún día vexamos cumprido. A accesibilidade total é un dos grandes retos das compañías de videoxogos, ao permitiren que aquelas persoas con limitacións de calquera tipo poidan superalas e gozar xogando.

Microsoftanunciou a chegada da transcrición dos chats falados a texto escrito nos seus sistemas. Unha nova opción que se complementa coa función de lectura en voz alta do texto mostrado en pantalla. As dúas melloras atópanse xa dispoñibles para os Xbox Insiders. O Xbox Party Chat trasladará todo o comentado polos teus amigos nas reunións cara a unha pantalla con texto, na parte superior. Doutra banda, tamén se pode escribir e facer que unha voz sintética lles lea ao resto de persoas o que redactaches, en varios idiomas. Unha pasada.

Segundo a compañía de Redmond, a idea é axudar a todos os xogadores xordos ou con problemas de audición, polo que a combinación de ambas as dúas funcións permitirá un goce total da experiencia de xogar en compañía con amigos. Se queres utilizar calquera das opcións, tan só tes que acceder ao apartado de Configuración, Accesibilidade e aí xa aparece a función para ser marcada.

Lembra que esta mesma función tamén está atopa dispoñible en PS5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.