Microsoft faise con Activision Blizzard por 68.700 millones de dólares, a maior operación da historia dos videoxogos
É difícil establecer comparacións entre o movemento feito público hoxe por Microsoft e calquera outro, de calquera compañía ou empresa, realizado en tempos pretéritos. Microsoft comprou Activision Blizzard. Así é, World of Warcraft, Overwatch ou Call of Duty son agora títulos que a compañía de Redmond decidirá como e cara a onde xestionar. O acordo foi pechado por 68.700 millóns de dólares, o que é, por suposto, a maior operación económica feita nunca na industria do videoxogo.
Hoxe é 18 de xaneiro, pero a nova do ano será esta. É imposible —ou non debería ser posible— ningún outro movemento na industria similar ou do mesmo calado. «Esta adquisición acelerará o crecemento do negocio de xogos de Microsoft en dispositivos móbiles, PC, consolas e a nube, e proporcionará elementos básicos para o metaverso», explica a propia Microsoft tras a compra. Deste xeito, a compañía estadounidense pasará a ser a terceira empresa de videoxogos máis importante do mundo por ingresos, só por detrás de Tencent e Sony.
Na práctica, é difícil saber que significará isto para o futuro, mais de entrada semella ser un respiro para os propios traballadores de Activision Blizzard, que vían como a empresa adquirira unha dinámica de traballo absurda, sen rumbo, e que anunciaba o seu declive como desenvolvedora á sombra de competidoras como Riot. Por non falar, claro, de todas as denuncias xurdidas ao longo dos últimos anos, sinalando estas as políticas de acoso laboral, abusos, etcétera. Sen dúbida, Microsoft soubo cando mercar Activision Blizzard e o momento foi este.
Case 10.000 empregados de Activision Blizzard pasarán a formar parte de Microsoft, malia que, polo momento, Bobby Kotick seguirá sendo o CEO da empresa, se ben Phil Spencer ocupará o seu cargo cando a compra remate. Aínda que o anuncio é firme, o movemento deberá ser pechado nalgún momento deste ano fiscal, que finaliza en marzo.
No futuro é fácil albiscar preguntas que, seguro, serán respondidas máis pronto que tarde: Será incluído World of Warcraft no Game Pass? Acabouse o pagar mensualmente polo que foi o rei dos MMORPG? Como aproveitará estas licenzas Xbox? Como afectará a Sony este movemento en títulos compartidos? Vaia ano.