Microsoft pon data a Xbox One S All Digital e presenta un novo modelo de subscrición

Anunciado recentemente, hoxe púxoselle data: Xbox One S All Dixital Edition, edición especial da consola de Microsoft centrada tan só en contidos dixitais e sen lector de disco, chegará o próximo 7 de maio cun prezo de 229,99 euros. O anuncio oficial da nova máquina realizouse durante o último Inside Xbox, evento de retransmisión oficial da marca.
Neste novo modelo non se poderá introducir xogo algún, polo menos non de xeito físico, por iso achega unha redución notable no seu prezo respecto á edición estándar da consola. A súa reserva xa está dispoñible na tenda oficial de Microsoft. Contará cun disco duro de 1 TB e con diversas promocións para darse de alta nos diferentes servizos dixitais da compañía. O certo é que algunha subscrición con esta máquina é, dalgún xeito, obrigatoria.
Aquí tes todas as súas características:
- 1TB HDD
- 8-core Custom Jaguar CPU @ 1.75GHz
- Custom GPU @ 914 MHz
- 12 CUs
- 1.4 TFLOPS
- 8 GB DDR3 @ 68 GB/s
- 32 MB ESRAM @ 218 GB/s
Doutra banda, tamén se inclúen tres dos videoxogos máis representativos de Microsoft Games Studios coa súa compra: Minecraft, Sea of Thieves e Forza Horizon 3. A nivel funcional, é tan poderosa como a súa irmá xemelga con lector. Nunha primeira ollada, semellan ser a mesma máquina.
Un servicio polo prezo (case) de dous
Microsoft tamén quixo usar este último Inside Xbox para presentar oficialmente o seu novo servizo Xbox Game Pass Ultimate, unha nova modalidade de subscrición que fusiona Xbox Game Pass e Xbox Live Gold, tratando de dotar dunha maior liberdade aos usuarios á hora de contratar os servizos que máis se axusten ao seu modo de entretemento, axustando os prezos ata agora dispoñibles.
Non ten data de lanzamento, aínda que si se coñece o seu prezo: 14,99 dólares ao mes. Os usuarios que xa teñan un dos dous actuais servizos poderán dar o salto a esta versión Ultimate pagando só a diferenza co novo prezo.