Actualidade Microsoft quere unha transición suave e tranquila entre xeracións

Microsoft quere unha transición suave e tranquila entre xeracións

Microsoft non quere deixar sen títulos os posuidores dunha Xbox One após o comezo da nova xeración, o vindeiro decembro. Si, todo un ano até que chegue, pero o camiño hai que asfaltalo e puílo, deixar todo ben claro para a comunidade. Matt Booty, nunha entrevista recente co medio MCV sinalou que a chegada da Xbox Series X non xerará unha ruptura total, senón unha transición suave e meditada.

En que se traduce este feito? En que os primeiros xogos que vexan a luz n nova Xbox tamén o farán en One. Os títulos interxeracionais serán un habitual ao longo de todo o primeiro ano de vida da nova máquina. A marca non quere que os seus xogadores se sintan desprazados polo lanzamento inicial.

«A medida que os nosos contidos aparezan ao longo do próximo ano, dous anos, todos os nosos xogos, así como de PC, correrán en ambas as familias de dispositivos. Queremos asegurarnos de que se alguén inviste en Xbox entre a actualidade e Series X, senta que fixo un bo investimento e que estamos comprometidos con eles a nivel de contido», Booty.

Unha idea lóxica

Na práctica, aínda que poida soar estraño, o movemento de Microsoft debería percibirse como algo lóxico. Tendo en cuenta o enorme éxito do Xbox Game Pass e a súa elevada afiliación entre os usuarios de Xbox One, sería mesmo absurdo deixar de lado a cincuenta millóns de  clientes potenciais —total de donos dunha One— deste servizo de catálogo en liña.

A posibilidade de continuar xogando en Xbox One permitirá que os usuarios decidan cando e como dar o salto á seguinte xeración sen maiores dramas. Mentres isto ocorre, seguirán pagando a súa cota mensual. Hai que pensar, amais disto, que é posíbel que non poucas persoas decidan mercar unha One ao comprobaren como o seu catálogo vai seguir medrando, malia que apareza a Series X. É moi probábel que se vivan novas rebaixas nos prezos da actual xeración, o que achegue un produto de calidade, con acceso ao Xbox Game Pass e aos novos títulos, ao público.

Por que comprar unha Xbox Series X entón? Evidentemente o cambio gráfico será notorio, ademais da reducción dos tempos de carga e outros elementos que favorecen a comodidade do usuario. En PC os xogadores poden elixir o tipo de calidade co que gozar dun videoxogo. Agora, grazas a este movemento, o asunto será similar en Xbox. Polo menos, un tempo.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.