Actualidade Mighty Doom estrea o seu early access por sorpresa na Play Store de Android

Mighty Doom estrea o seu early access por sorpresa na Play Store de Android

Di a verdade. Sempre quixeches matar demos desde o teu teléfono móbil. Podes dicilo, sen medo, confesa. Xa é posible, e aínda que non sexa un dos teus máis soñados desexos quizais queiras probar tal experiencia. Mighty Doom é a adaptación da mítica saga de videoxogos ao formato móbil. Sen anuncio oficial, o xogo xa está dispoñíbel na Play Store de Android en formato early access.

Ora ben, tamén hai malas novas. O seu acceso está restrinxido en case todo o mundo, e só se pode probar en Nova Zelandia. Emporiso, o tráiler e as capturas xa mostran que se trata dun título de acción de perspectiva cenital no que van aparecendo as iconas máis reconocible da franquía, aínda que un pouco deformados en forma e aspecto. Xogarémolo co teléfono en vertical e descríbese como un single-touch shooter, así que probablemente nosa única acción será elixir o inimigo ao que imos disparar e ir pasando niveis e derrotando os xefes clásicos de Doom.

Será un xogo free to play, malia que conterá compras internas. Ao non lanzar Bethesda ningún comunicado sobre o xogo, non se lle coñece data exacta de lanzamento, aínda que é de esperar que a medio prazo podamos probalo no resto do mundo, tanto en iOS —non hai tampouco confirmación de que vaia chegar a este sistema operativo— como en Android.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.