Actualidade Mike Morhaime deixa o seu posto como presidente de Blizzard Entertainment

Mike Morhaime deixa o seu posto como presidente de Blizzard Entertainment

O seu é un nome propio da industria dos videoxogos. Mike Morhaime, un dos pais fundadores de Blizzard Entertainment, vén de anunciar a súa saída como presidente da compañía. Non é un adeus nin un ata logo, Morhaime seguirá vinculado á empresa de videoxogos como asesor. Por que decide dar este paso agora, ou as motivacións para elo, é unha incógnita.

O ex presidente quixo aproveitar o seu comunicado para mandar un sentido agradecemento ás persoas coas que traballou ao longo destes anos. “Foi un privilexio ser o líder deste equipo. Estou tamén agradecido á comunidade de xogadores de Blizzard polo seu apoio incondicional”, sinala na nota de prensa.

Sen dúbida, a compañía estadounidense é un dos referentes inmediatos na creación de videoxogos. Os seus títulos son, dalgunha ou doutra maneira, exemplos no ámbito da innovación e o coidado co que se fan. Overwatch, Diablo, World of Warcraft… Lendas da industria, por iso o movemento de Morhaime é, coma pouco, transcendental para a empresa. Tocará esperar para veer en que se traduce nos futuros movementos de creación e edición.

Allen Brack, o seu substituto

Alguén ten que ocupar o posto vacante, e J. Allen Brack foi o elixido para tal tarefa. Allen é un veterano dentro de Blizzard, coñecido principalmente por ter sido productor executivo de World of Warcraft. Sabedor do funcionamento interno do estudio, Bobby Kotick, director xeral, comentou que o seu nomeamento vén motivado pola capacidade de guiado que posúe, así como ser un exemplo de inspiración para os empregados.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.