Actualidade Minecraft Library :: Unha xogada mestra contra a censura

Minecraft Library :: Unha xogada mestra contra a censura

Non todos os países do mundo permiten aos seus cidadáns abrir a páxina web que queiran. Entrar na Internet é unha acción sempre posta baixo lupa polos gobernos máis restritivos á hora de permitir o acceso á información, e aínda que hai páxinas bloqueadas e portais censurados, Minecraft, un videoxogo en principio sen maiores problemas á hora de estar permitido en calquera lugar do mundo, pode funcionar tamén como unha válvula de escape cultural e social.

Reporteiros Sen Fronteiras, xunto con Blockworks, vén de poñer en marcha unha interesante iniciativa chamada The Uncensored Library, un mapa de Minecraft con libros virtuais que conteñen artigos censurados en diferentes países do globo. O proxecto estreouse hoxe con douscentos libros, unha colección que irá aumentando co tempo e que incluirá tamén reportaxes escritas por xornalistas de todo o mundo, encarcerados ou censurados, mesmo asasinados, por exercer o seu oficio.

No mapa traballaron dezaoito arquitectos virtuais de Blockworks durante tres meses para dar a luz unha fermosa biblioteca neoclásica construída con 12,5 millóns de bloques. Non só hai libros. As estancias están divididas por países e inclúense esculturas e exposicións sobre o tema que foi censurado, na procura de fomentaren a liberdade de expresión.

Se queres coñecer ou consultar máis información podes buscala na súa páxina oficial, ademais de descargar a última versión do mapa aquí mesmo —é unha descarga directa, se clicas váiseche descargar o arquivo zip correspondente—. A continuación podes ver en vídeo parte do proceso de creación desta biblioteca virtual que quere levar a cultura a recunchos onde non é doado achala.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.