Actualidade Minecraft supera a barreira das 200 millóns de copias vendidas desde a súa estrea

Minecraft supera a barreira das 200 millóns de copias vendidas desde a súa estrea

Un dos grandes fenómenos xurdidos da industria dos videoxogos nos últimos anos foi sen dúbida Minecraft. O título de Mojang Studios vén de alcanzar un novo récord entre os moitos que posúe. Nesta ocasión non é outro quee o de levar máis de 200 millóns de copias vendidas desde o seu lanzamento no ano 2009, o cal o referenda na súa posición como xogo máis vendido de todos os tempos.

Este dato significa que duplicou o número de copias vendidas que posuía no 2016 e logrou multiplicalo por catro desde que Microsoft mercou Mojang no 2014. Alén disto, Minecraft continúa sendo un dos grandes fenómenos do momento con 126 millóns de usuarios activos cada mes, incluíndo os xogadores dun mercado tan restritivo como o chinés. No país asiático existe unha versión free to play do xogo, que conta con máis de 300 millóns de contas rexistradas.

Se o presente de Minecraft presume de éxito, o futuro é moi prometedor. A beta do xogo con ray-tracing e Nether chegará no verán mentres que Minecraft Dungeons lanzarase o 26 de maio para todas as plataformas.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.