Minit. Un minuto para conquistar o mundo
Minit é un xogo independente que se lanzou en abril de 2018, froito do esforzo dun grupo de catro persoas. Quizais a máis coñecida delas sexa Jan Willem Nijman, un dos fundadores do estudio Vlambeer, creadores de Nuclear Throne. Pero tamén é obra de Kitty Callis, produtora con Guerrilla no magnífico Horizon Zero Dawn; do músico Jukio Kallio e do artista e deseñador Dominik Johann. Un pequeno equipo para un pequeno videoxogo. Pero, ás veces, só se precisa algo pequeno para revolucionalo todo.
Esta aventura comeza como tantas outras: co protagonista durmindo na súa cama. Despértase e sae da súa casa, para logo dar unhas voltas polos arredores. Até que, medio enterrada na area da costa, atopa unha espada. O noso personaxe, un ser humanoide cunha especie de boca puntiaguda, decide empuñala. Case podería ser o principio dun xogo calquera da saga The Legend of Zelda, verdade? Cunha pequena observación: esa espada non está destinada a loitar pola Luz e salvar o mundo. Esta arma ten un meigallo e nada mais tocala quedamos malditos e morremos.
Pero de seguida espertamos de novo, na nosa casa. Foi todo un soño? Non, porque temos a espada connosco. Tamén temos outra cousa: un feitizo que fai que cada vez que pasa un minuto morramos outra vez e volvamos a aparecer na nosa cama. A partires de agora estamos atados a ese implacable contador de segundos que sempre vai baixando.
Descubrindo o mundo de Minit
Partindo desta orixinal premisa tócanos percorrer un mundo fantástico, cheo de personaxes pintorescos, para librarnos do noso meigallo. Por sorte, podemos ocupar outras camas para aparecer nun novo punto do mapa. Ademais, algunhas das nosas fazañas son permanentes, de modo que non teremos que reiniciar absolutamente toda a viaxe a cada minuto, con cada nova resurrección.
O avance prodúcese igual que noutros títulos de acción e aventuras: non poderemos avanzar até resolver outras embrollas e misións secundarias que atoparemos polo camiño. Falar cos demais habitantes deste mundo estraño é moi importante, porque son os que moitas veces nos dan as pistas que precisamos de cara o noso seguinte obxectivo. Pero tamén explorar até o último recuncho, en busca dalgún obxecto importante que nos permita abrir atallos e novos camiños. Ou, simplemente, por ver se atopamos algún segredo.
Evidentemente, como non podía ser doutro modo, Minit é moi consciente de que temos un límite de tempo determinado e trata de explotalo ó máximo. Labirintos, quebracabezas que requiren de certas repeticións para ser completados, percorridos cheos de inimigos que só queren enredar para que perdas uns valiosos segundos, ou señores que falan de máis e demasiado a modiño. Todos estes elementos, que de ter tempo infinito non serían máis que pequenas molestias, aquí conseguen xerar esa sensación de urxencia a medida que o tictac do reloxo faise máis intenso, avisando de que se está a esgotar o noso minuto de gloria.
Aínda así, aquí todo esta medido maxistralmente. As distancias e os retos están deseñados de tal forma que, a miúdo, alcanzas a facer o que querías no derradeiro intre. Cando consegues desbloquear un novo punto de reaparición apurando os segundos finais a sensación de alivio é grandiosa.
A parte técnica
O mundo de Minit está representado, facendo honor ó xogo de palabras do seu título, cun estilo minimalista. Partindo dos gráficos, pixelados e en obrigatoria paleta dun bit. É dicir, só hai dúas cores: branca ou negra. Aínda así, nótase a vontade de facer escenarios ricos e variados dentro dese aspecto retro, con moitísimos detalles e gran preciosismo nalgunhas zonas. A música vai en consonancia, con todo tipo de melodías chiptune que nos poden lembrar tamén ós primeiros videoxogos, pero compostas con moito tino e encaixan perfectamente nos ambientes da aventura.
É verdade que, cara o final do xogo, a mecánica principal de morrer cada minuto chega a facerse un tanto pesada. Non por frustrante, senón porque unha vez que se perde a sensación de novidade, pérdese tamén un pouco o interese. Simplemente aprendes a calcular máis ou menos o que podes facer en cada intervalo de vida, e resucitar pasa a ser case un mero trámite. Bótase en falta un pouco máis de orientación nalgúns momentos, algunha pequena pista a maiores para saber onde ir ou que facer para avanzar.
Malia todo, non se trata de problemas graves. Minit non é un título tan longo como para que chegue a saturar en ningún caso, e ter que explorar ou mesmo voltar a zonas xa coñecidas para ver se agora podemos acceder a sitios antes pechados é algo moi común neste tipo de videoxogos.
Tes un minuto?
En definitiva, unha viaxe que empeza tensa pero que remata sendo adorable, tanto polo divertido e bonito que é o propio xogo como polo sentido do humor que desprende, cunha pincelada ou mesmo dous de crítica ao capitalismo. Pódelo atopar en PC, Xbox One, PS4 e Switch, a un prezo moi accesible en calquera das plataformas. De modo que non vas ter problemas para poder xogalo… sempre que teñas un minuto, claro.
Análise elaborada por Rafael Pérez ‘Zorzamoth’
O mellor
- Os apartados artísticos: música e gráficos teñen un minimalismo coidado pero delicioso.
- Un xogo deseñado con gran precisión
- O sentido do humor
- Tes opción de ser vegano! Que outro xogo deixa escoller ser vegano?
O peor
- Non sempre está moi claro cal é o seguinte paso para avanzar
- A mecánica principal vólvese un pouco repetitiva cara ó final