Actualidade Monster Hunter Rise, catro millóns de copias nunha fin de semana

Monster Hunter Rise, catro millóns de copias nunha fin de semana

Seguindo o ronsel doutros lanzamentos en Switch como Animal Crossing: New Horizons ou Pokémon Escudo|Espada, Monster Hunter Rise empezou a súa viaxe na híbrida de Nintendo ao grande.  Capcom comunicou que a nova entrega da saga vendeu xa catro millóns de unidades en tan só esta primeira fin de semana que estivo nas tendas.

O novo título da franquía, que viu a luz o venres, tivo a estrea soñada para a compañía xaponesa, que tamén proporcionou outros datos relacionados coa saga, como que desde que comezou, no ano 2004, vendeu un total de 66 millóns de xogos relacioandos con ela —até o 21 de decembro de 2020—. Unha cifra que xa pode sumar catro millóns máis.

Rise será exclusivo de Nintendo Switch, aínda que só de maneira temporal, pois está previsto que no 2022 tamén vexa a luz a súa versión de PC. Antes diso, o 9 de xullo chegará Monster Hunter Stories 2: Wings of Ruin, que neste caso si estará dispoñíbel ao mesmo tempo para a consola de Nintendo e para PC.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.