Actualidade Monster Hunter World non recibirá máis expansións tras Iceborne

Monster Hunter World non recibirá máis expansións tras Iceborne

Capcom continúa vivindo o seu particular idilio co éxito tras o sobresaliente recibimento dos seus últimos lanzamentos. Monster Hunter World é un dos seus grandes títulos, e mantén día tras día a unha enorme comunidade de xogadores pegados á pantalla.

Iceborne, a expansión que está por chegar —en setembro a consolas, no inverno a PC— promete ampliar este universo, aínda que segundo indica o seu produtor, Ryozo Tsujimoto, será o primeiro e o último contido descargable deste tipo. Nunha entrevista con Game Informer, Tsujimoto comenta que «Iceborne completa World, así que será a súa última expansión».

Aínda que poida parecer estraño, sobre todo se temos en conta o éxito do que goza o xogo, a decisión mantense na mesma liña vital que as anteriores entregas da saga. Porén, a chegada desta expansión non significa a fin do título, nin moito menos.

Na mesma entrevista, o produtor de Monster Hunter World comenta que están a preparar«unha chea de actualizacións» de fronte ao futuro. É dicir, aínda que non se vaian a crear novos escenarios ou ampliar a narrativa orixinal, si chegarán novas misións, monstros e colaboracións con outras marcas.

A expansión terá como motivo principal a neve e as tundras xeadas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.