Actualidade Mordhau, o xogo de loita medieval que triunfa en Steam

Mordhau, o xogo de loita medieval que triunfa en Steam

Apenas leva uns días na tenda de Valve, pero a súa mestura de sangue, violencia e medievo convenceu a máis de 500.000 usuarios á hora de mercalo. Mordhau converteuse da noite para a mañá nun deses éxitos cos que calquera estudio independente do mundo soña. A maioría de compradores analizárono positivamente, e iso que a enorme cantidade de xogadores, repentinos para os seus creadores, fixo tremer os servidores.

Por que está a triunfar Mordhau? Creado por Triternion, trátase dun título de acción medieval multixogador. A súa espectacularidade baseada na violencia explícita e a tensión de combates corpo a corpo encandeou a miles de xogadores, obrigando ao estudio a lanzar varios parches estes últimos días para mellorar o rendemento e puír os mecanismos de emparellamento. Aínda que en principio as partidas son de 64 usuarios, reduciuse a cifra a 48 para lograr non afogar aos servidores e permitir o xogo en liña.

En Reddit acumúlanse xogadas épicas e titoriais, mentres que en Youtube e Twitch diversos creadores de contido decidiron darlle unha oportunidade cunha resposta máis que positiva entre a audiencia. A compañía eslovena non podía imaxinar un mellor debut para o seu hack & slash  medieval,

É máis que posible ver similitudes entre Mordhau e Chivalry por mor da súa ambientación, aínda que conta con diferenzas tamén palpables. Destaca polo seu contundente corpo a corpo, o engadido de armas a distancia, as cargas de cabalería e as armas de asedio. Todo isto a través dun completo sistema de personalización que permite tanto modificar o aspecto físico do personaxe como a arma ou a armadura parte por parte.

A pesares da súa pouca promoción, semella que o éxito quixo sorrir ao equipo de Triternion. Agora queda por comprobar se os seus responsables son capaces de manter o tipo. O prezo da versión básica do xogo é de 24,99 euros, malia que existe outra versión para apoiar aos creadores que, por un custo extra de 10 euros, inclúe elementos estéticos exclusivos do título e a banda sonora composta por Viktor Alexander, Lukas Gorris e Paul Keilhau.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *