Actualidade Mortal Kombat 11 amosa as súas cartas

Mortal Kombat 11 amosa as súas cartas

Mortal Kombat 11 verá a luz o próximo 23 de abril para Xbox One, PS, Nintendo Switch e PC. Tralo seu anuncio oficial durante os Game Awards, era cuestión de tempo que apareceran máis datos do título de loita. O novo de NetherRealm Studios contou o xoves 17 de xaneiro cunha extensa presentación na que mostrou a súa xogabilidadee, algúns dos personaxes que poderemos seleccionar e mesmo parte da súa trama. Vaiamos por partes.

Personaxes e modificacións

Non, aínda non se coñece todo o cadro de persoal de loitadores cos que contará Mortal Kombat 11, aínda que si sabemos algúns dos nomes que estarán presentes. Baraka, por exemplo, voltará á pantalla ao grande. Violenta e sanguenta, a súa presentación, arrincando o rostro do seu opoñente, foi máis que convincente. Tamén poderemos manexar a Skarlet, que debutou en Mortal Kombat 9. Sonya Blade, combatente lendaria dentro da saga, non podería faltar. Por suposto, Sub- Zero e Scorpion (que se fixo dono da portada oficial) terán un oco no elenco principal, igual que Liu Kang. Algunha cara nova? A de Geras, personaxe inédito até agora, que semella ter poderes relacionados co elemento terra.

Ao longo da presentación, desvelouse tamén que haberá un sistema de modificación. Algo bastante novo, xa que por primeira vez na historia da franquía dispoñerase dun editor de personaxes co que crear distintas variedades dos nosos loitadores favoritos. Non se crearán dende cero, senón que se poderán aplicar unha serie de parámetros ou variantes. Quizais non pille por sorpresa a aqueles que xogasen ao ben recibido Injustice 2, o título de loita con personaxes do universo DC.

Historia e xogabilidade

Diferentes xogadores e personalidades reconocibles dos títulos de loita mostraron o manexo dalgúns personaxes en pantalla a través de diferentes combates. Púidose comprobar como o usuario disporá dunha barra de defensa e de ataque, algo a ter en conta agora de planear a estratexia da pelexa .

Doutra banda, a historia terá un forte idilio coas viaxes temporais, chegando mesmo a coincidir dúas versións dos loitadores nun mesmo espazo. Gañará a mocidade ou triunfará a experiencia? NetherRealm Studios mostráronse “moi orgullosos” do modo historia, asegurando que non defraudará a ninguén.

Acceso á beta e edición de luxo

Aínda que o lanzamento oficial producirase a finais de abril, o 28 de marzo todos aqueles que reserven o título con antelación poderán ter acceso á beta, que incluirá a Shao Khan como personaxe xogable.

Como é habitual xa neste tipo de xogos, tamén se fixo pública unha edición coleccionista do título, que inclúe a máscara de Scorpion. Tentación en estado puro para os fans da saga. A Kollector’s Edition inclúe tamén o xogo nunha caixa metálica e un imán co logotipo do dragón. Iso si, aínda está por coñecerse o seu prezo e o seu modelo de venda en Europa (en Estados Unidos só GameStop venderá esta versión).

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.