Actualidade Motion Twin anuncia varias actualizacións para Dead Cells para este ano e o que vén

Motion Twin anuncia varias actualizacións para Dead Cells para este ano e o que vén

Hai xa varios meses que The Queen and The Sea, o último DLC de Dead Cells, viu a luz. O roguelike de Motion Twin é un éxito que continúa a vender copias nas diferentes plataformas nas que está, amosando ser un título con vida de seu, capaz de se manter no tempo e demostrando ter un xogabilidade máis que interesante, desas nas que caes de cando en vez e de súpeto levas catro horas xogando.

Porén, o estudio francés quere seguir afondando nesta obra, por iso sinalan que o xogo «esta na metade da súa vida», por iso publicaron unha infografía na que expoñen os plans para o que queda deste 2022. Así, recibiremos en breve unha nova actualización con novas armas e habilidades. No outono chegará un modo boss rush, e no inverno sairá otra actualización sorpresa que engadirá «novas cousas coas que xogar». Iso si, avisan que, se ben están convencidos de que poderán cumprir cos prazos, na industria do videoxogo «nunca se sabe».

«Cando entremos en 2023 non imos baixar a marcha», din; «de feito, imos subila! Vai ser de lonxe o noso ano máis grande desde o lanzamento da [versión] 1.0, e estamos emocionados por poder ensinarvos o que estivemos facendo entre bambalinas». explican desde Motion Twin.

Boas novas para un xogo bastante completo, exemplo de título independente que acadou un recoñecemento notable entre o público. Hai xa catro anos que viu a luz… facémonos vellos.

Infografía do roadmap para este ano.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.